A Moganga de Sárdoma

A carón da igrexa parroquial de San Pedro de Sárdoma atópase a estrada de Miraflores, principal vía de comunicación da parroquia. E precisamente é sabido que "por detrás" desta está a nave do banco de alimentos de Vigo, o que non é tan sabido é o nome do vial no que está o banco de alimentos. E máis que non sabelo, os veciños da parroquia non o recoñecen, porque o certo é que o nome desta rúa é froito dun erro de transcrición. E non só iso, pois a orixe do propio topónimo do camiño tamén ten a súa migalla.

Isto é o que reza a placa do Concello de Vigo, e así figura esta rúa a nivel oficial
Este camiño foi nomeado deste xeito ("Camiño da Moiania") no ano 1983 polo Concello de Vigo, segundo di Daniel Antomil no seu coñecido libro sobre os nomes das rúas da cidade. No mesmo traballo aclárase que este curioso nome (Moiania) é de orixe escura e descoñecida. Neste artigo vou aclarar de onde vén este nome, e vou deixar un par de teorías sobre a orixe do nome.

Pois ben, que é isto de Moiania? Segundo puiden saber a través de Iván Sestay, o topónimo real é "A Moganga", e nada de Moiania. E logo, como se formou o de Moiania? Pois resulta que a xente en realidade pronuncia "Moghangha", debida á característica gheada de boa parte da poboación galega; e ao escribir isto, ben por descoñecemento ou influencia do castelán, escribiuse "Mojanja" a man. Resultou que esas "j", totalmente impropias do idioma galego, foron entendidas como "i", sen ter en conta que podía indicar que se pronunciaba con gueada (chegaba con escoitar pronuncialo aos nativos do lugar). E así rematou en "Moiania", quedou así na placa do Concello, e aínda hoxe os veciños de Sárdoma seguen sen recoñecer ese nome e agardan unha reparación, que dende Mr. Vigo tamén solicito.
Esta explicación para a involución de "Moghangha" en "Moiania" parécelle plausíbel a Iván Sestay, e a min moito máis.

Vista do inicio do camiño, cun cartel que indica que por aí se chega ao banco de alimentos
Aclarado o nome real do topónimo, falta saber que significa, que xustificación ten; de onde vén, en definitiva. Pois ben, xa puxen o que dicía Daniel Antomil ao respecto, pero eu quero ir máis alá, e estou disposto incluso a desmontala teoría de que se trata dun topónimo de orixe "escura".
Pescudando na rede, e buscando conexións lusófonas, achei que "moganga" é o nome popular que recibe a cabaza nas illas portuguesas de Madeira. Noutras zonas de influencia portuguesa, recibe outros nomes, como bugango ou morango. Este nome pode estar relacionado coa lingua kikongo, lingua bantú falada en Angola e nos Congos.
De momento non encontrei probas de que exista a verba "moganga" para chamar á cabaza na Galiza, mais pode ser que a orixe deste nome estea relacionada con este significado portugués. Eu déixoo caer, se alguén ten máis ideas, podedes deixar un comentario.

Fin do camiño, coa entrada ao banco de alimentos

Comentarios