A orixe da Cruz Branca (*)

Como xa se sabe, a rúa Urzáiz (antiga estrada a Ourense) foi e segue sendo pola súa
importancia o principal núcleo urbano e o eixe vertebrador do barrio do Calvario. Durante boa parte do século XX o barrio experimentaba un gran crecemento en torno a esta rúa. Neste contexto destacaba A de Romancho, unha gran finca que abarcaba o espazo (hoxe comido polos edificios e polas rúas) entre a mesma rúa de Urzáiz, a rúa de Badaxoz e a rúa do Cristo. O nome desta finca vén do seu posesor: Román Murtegui. Como era vasco, o seu diminutivo popular era Romantxu, que galeguizado, rematou en Romancho.

Carnaval 59 baile Cruz BlancaNa coñecida finca de Romancho situábase La Cruz Blanca, un espazo moi famoso entre a veciñanza do Calvario da primeira metade do século XX no que se celebraban festas ou bailes. De tan popular que era, rematou callando como topónimo para coñecer esta céntrica zona do Calvario. Cabe destacar que o topónimo quedou como A Crus Branca.
Deste xeito, cando a presión urbana fixo desaparecer á de Romancho, a rúa que se abriu neste mesmo emprazamento anos despois levou o nome de “Cruz Branca”, para así lembrar o topónimo creado polos veciños a raíz do célebre baile.

Hoxe en día a rúa da Cruz Branca (peonil) é un lugar de terrazeo no que varios comercios e cafetarías aproveitánse da súa cercanía coa rúa de Urzáiz (como xa dixemos, o principal núcleo urbano do barrio). Amais, é un lugar con sombra e hai unha parede cun mural, o que fai que sexa un lugar máis atractivo para pasear ou vivir. Pouca xente lembrará agora a curiosa orixe do nome desta rúa, así que agardo que grazas a este artigo se poida lembrar mellor.

(*) Artigo publicado no exemplar número 1 (xullo de 2018) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.

Comentarios