O novo rumbo do MARCO

.
La Voz de Galicia
O 14 de decembro de 2016 a dirección do MARCO, museo nado en 2002 nas antigas instalación do palacio de xustiza da cidade e concibido como un espazo para a difusión da arte contemporánea, remitiu un comunicado no que o seu director, Iñaki Martínez Antelo, anunciaba que en novembro de 2017 aproveitaría a finalización do seu contrato para abandonar a dirección do museo, ao considerar que era necesario fechar unha etapa e renovar o ar do centro museístico. No mesmo comunicado Antelo valoraba positivamente os seus máis de dez anos á fronte da dirección do museo, lembrando en conta que o museo sempre contou con orzamentos ao límite do razoábel, e asegurou que o mellor para que o futuro do recinto non fose incerto e preocupante era manter unha solución dende o ámbito profesional, referíndose á convocatoria dun concurso público para designar ao novo director ou directora do museo. Ademais, lembrou que entre os obxectivos que a fundación do MARCO firmou aló por 2002 están xerar coñecemento, patrimonio, formación, criterio e debate, e nunca xogar coa especulación ou espectacularización da cultura.

Uns días despois do anuncio do director do Marco, Abel Caballero declaraba nunha entrevista en Onda Cero que ía preparar un proxecto de museo totalmente distinto ao proxecto anterior. Daquela inda non se sospeitaba nada do que estaba por vir, mais xa aparecía un primeiro movemento na plataforma Change.org que emprazaba ao Concello (como máximo responsábel do Padroado do museo) a respectar a vontade do director saínte de que se convocara un concurso público para designar ao seu futuro sucesor e aprovéitase para reivindicar un programa cultural público e transparente, ante a sospeita de que Caballero quixera eliminar o MARCO como tal.

Coa inauguración dunha mostra de Ánxel Huete no museo o alcalde aproveitou para facer o anuncio oficial de que estaban a preparar importantes cambios na filosofía do centro cultural. Cando xa só quedaban unhas semanas para que Iñaki Martínez abandonase o seu posto, apareceu o que vemos na fotografía que ilustra esta entrada, unha faixa na fachada do edificio co lema "Winter is coming", en referencia ao incerto futuro do museo.

Durante o ano 2017 a incerteza foi crecendo, e a corporación de Caballero (facendo gala do seu xa habitual autoritarismo populocalista) tentou cambialos estatutos do padroado para obter así control total sobre o mesmo, mais non puido ser levado a cabo, ao non ter o Concello a maioría absoluta no Padroado do museo. Durante este tempo, o Concello o que fixo foi tratar de acalar as críticas e defenderse falando de que é que o Concello é quen máis orzamento pon no museo, e mentres a Xunta reducira a súa aportación, ou é que o museo entrara nunha etapa de decadencia e era necesaria a reformulación da súa filosofía.
Esta última afirmación resulta facilmente rebatíbel, pois se o Marco é o museo máis visitado da rede municipal, cunha media de máis de 80.000 visitantes ao ano dende a súa apertura, ao mesmo tempo que outros museos como o Verbum van morrendo pouco a pouco, non parece que sexa un indicattivo de non funcionar.
O goberno local o que fixo para paliar esta situación foi botarlle a culpa a terceiros, como a Carlos Príncipe pola construción do Verbum, ou á dita Xunta por reducir a súa aportación.

Neste contexto apareceu un segundo movemento na defensa do MARCO, que recolleu firmas durante varios meses (entre as que figuran as de Xisela Franco, Antía Cal, Manuel Bragado, Ledicia Costas, Kiko da Silva, Rubén Pérez, Berta Cáccamo...) para defender un museo de arte contemporánea independente, sen inxerencias políticas.

A principios de xaneiro de 2018, o museo quedou baleiro ao finalizar a exposición que se achaba aí ata entón. O Concello puxo en marcha o seu plan, que por enriba se dixo que contemplaba o traslado das exposicións contemporáneas ao Verbum e o cambio total do MARCO, malia que a día de hoxe non puido ser completado. A polémica forte comezou ao seguinte mes, cando quince artistas (entre elas de novo Xisela Franco e Berta Cáccamo) rexeitaron participar na exposición "Metrópole", xa que esta mostra foi inventada como unha cortina de fume para contentar momentaneamente aos artistas contemporáneos mentres se leva a cabo o plan de Caballero para o museo. Isto dixérono os artistas que forman parte do movemento Marco#AsíNon e pódese corroborar visitando a exposición.

En marzo o diario estatal El País informaba da situación nun artigo que sintetiza bastante ben o que aconteceu co museo. En febreiro tamén dimitía a número 2 do museo, a responsábel das exposicións, Agar Ledo, ao estar en contra do devenir do centro artístico. En abril finalmente se inaugurou a exposición itinerante da Fundación Telefónica, que lonxe da arte contemporánea, repasa "os límites da imaxinación" da obra de Jules Verne, no marco das conmemoracións polos aniversarios da vista real do escritor francés a Vigo, e a visita ficticia (ou non?) do Capitán Nemo á ría. A exposición inclúe unha zona dedicada precisamente á visita de Verne a Vigo. (Hei de admitir que esta é a principal excusa para escribir este artigo de opinión viguesa).

Cal é a miña opinión ao respecto? 1. Os plans da corporación municipal non están tan mal, de feito, se o que é o MARCO se traslada sinxelamente ao recinto do Verbum, o museo gañaría metros cadrados e podería ter unha mellor segunda vida. 2. Por outra banda, ao non respecto ao que son os obxectivos da fundación do MARCO; o mal-trato á cultura por parte do Concello; a falta de democratización habitual na corporación de Caballero de procesos que deberían ser aceptados socialmente, que en outras cidades "progresistas" (como lle gusta autodenominarse a Abel) como Madrid teñen xa costume (https://decide.madrid.es/), fan que teña un mal sabor de boca. 3. Pois o certo é que as exposición recentemente inauguradas no MARCO non defraudan: non son contemporáneas, mais son ben interesantes. Poderíase dicir aquí que o principal conflito é a ubicación. Creo que algo no que coicidimos boa parte dos vigueses é a boa consideración cara a estas exposicións na cidade olívica, mais non no MARCO.

Con todo, vou proceder a facer un repaso fotográfico á parte que se refire a Vigo na exposición de Jules Verne.

Esta é a lenda dun mapa que indica os lugares polos que pasou o célebre escritor nas súas visitas á nosa cidade

Este é o mapa, no que podemos amais observar como era o centro daquela, a finais do século XIX

Esta é a lenda dunhas fotografías históricas de varias localizacións do centro da cidade, que podedes ver abaixo






Este panel explica brevemente as visitas de Verne a Vigo
E ata aquí a zona dedicada a Vigo da exposición sobre os límites da imaxinación sobre a obra de Verne. O resto da exposición e ben interesante, e sen ningunha dúbida animo a visitala antes de que remate en outubro. Recentemente se decidiu ampliar o prazo ata ese mes, pois inicialmente ía rematar nuns días. Para ir rematando, repasarei como é a exposición de "Metrópole, perspectiva urbana da arte galega", que se atopa distribuída en dúas salas na planta de arriba e pretende facer unha analoxía entre a arte propia da sociedade dos loucos anos 20, e arte galega actual. Na sala dos anos 20 faise unha homenaxe á famosa película "Metrópole" de Fritz Lang (de aí o nome da exposición), expónse unha serie de mobles de art déco "made in Galiza", unha serie de fotografías de Pacheco e Ksado e unha serie de planos sacados do arquivo municipal de edificios construídos no Vigo dos anos 20.
Na outra sala vanse ir sucedendo unha serie de mostras indivuais, que comezaron con Xosé Manuel Castro, escultor de Ponteceso (que curioso que os poucos artistas que aceptaron participar no novo MARCO sexan de fóra de Vigo). A exposición de Xosé Manuel Castro finalizará estes días, e deixará paso a outro artista, mentres que a sala dos anos 20 quedará fixa.

Como xa dixemos, esta exposición que sirve como cortina de fume para os artistas actuais galegos ofrécenos unha interesante mostra de obras actuais galegas asi como de art déco, mais a analoxía que da pé á exposicíon non ten demasiado sentido. De novo, a miña opinión vai polo camiño de si á exposición, non á ubicación.



















Cabe destacar que tamén se atopan nesta exposición os famosos planos do plan Palacios, que eu tiven a oportunidade de ver cando fun a investigar ao arquivo municipal. E no arquivo do Concello estes planos atópanse enmarcados nas paredes dunha das salas do arquivo, é dicir, que non hai que buscalos como todos os demais arquivos.






Fontes documentais:
  • La Voz de Galicia (1)(2)
  • Citadas ao longo do artigo en ligazóns


Comentarios