![]() |
Vista de Vigo dende o monte dos Pozos de Valadares (completamente calcinado) cos bosques de Matamá e Comesaña queimados a consecuencia dos lumes do pasado 15 de outubro |
Hoxe cúmprese un ano do terríbel día e madrugada do 15 de outubro de 2017, nos que centenares de pobos, aldeas e lugares do sur da Galiza, o norte de Portugal e algúns concellos de Asturias enfrontábanse a voraces lumes que ameazaban seriamente as súas casas e as súas vidas. Máis esta xornada non só será lembrada por iso (por terríbeis incendios forestais ao longo do rural do norte da península ibérica) senón que tamén será recordada polos preocupantes incendios urbanos que mantiveron inqueda a toda a cidade de Vigo durante a noite e parte da madrugada e que foron noticia en todo o Estado español, amais de que a cidade se encontraba durante ese día cercada por incendios forestais que afectaron aos nosos propios montes e crearon un ambiente irrespirábel en toda a cidade.
Con motivo de conmemorar e lembrar este graves incendios Mr. Vigo vai publicar unha serie de artigos repasando como se viviu na área de Vigo esta tráxica xornada na que faleceron dúas veciñas de Chandebrito, un home de San Andrés de Comesaña, e outra vítima en Carballeda de Avia (Ourense). No último artigo que se publique desta serie (sobre os incendios n'As Neves) publicarei tamén un PDF cun pequeno traballo que recompila todos estes incendios ademais de falar dos sucedidos tamén en Portugal e Asturias, afondandarase un pouco en materia de política forestal para quen lle interese indagar máis no asunto, e repasaranse tamén as medidas post-incendios que se tomaron en cada parroquia e concello.
Hei aquí pois o primeiro artigo para lembrar a fatídica xornada do pasado 15 de outubro, sobre as zonas afectadas do termo municipal de Vigo, forestais e urbanas.
![]() |
Monte queimado en Sobreira-Valadares |
No concello de Vigo as parroquias afectadas por incendios forestais foron Valadares, Coruxo, Matamá e Comesaña (ás catro chegou o mesmo incendio, que foi o que prenderon en Nigrán e atravesou Chandebrito cara Vigo) e lixeiramente Zamáns (nalgún curruncho da serra do Galiñeiro, que foi queimada case enteira). Por outra banda, durante a tarde e a noite daquel fatídico 15 de outubro numerosos conatos de incendio propagáronse pola zona urbana da cidade, en sitios como Hispanidade con San Amaro, a avenida de Europa, a praza de España, Sampaio, Fonte Escura ou a Florida. Amais, tamén se prendeu un incendio nos montes de Sobreira (Valadares), entre as estradas de Clara Campoamor e Zamáns, quedando o lume á porta do instituto e o colexio de Sobreira, e a uns metros do campus universitario, tendo que ser desaloxado este.
Tanto na estrada de Clara Campoamor como na avenida de Europa formáronse cadeas humanas para axudar a apagar os incendios, mais hai unha diferenza entre os dous. No de Clara Campoamor o que ardía eran terreos forestais mentres que no da avenida de Europa (moi próximo ás vivendas de Navia) o que ardía era maleza e arbustos pertencentes a fincas particulares (moitas sen limpar).

Durante todo o día do 15 de outubro estiveron activos diversos incendios forestais en zonas da periferia polo que o ceo de Vigo tinguiuse durante todo aquel día de fume, e o ambiente na cidade era irrespirábel.
En torno ás seis da tarde a situación comezou a complicarse, o incendio de Sobreira achegábase á estrada de Clara Campoamor, e por tanto ao PTL e á Universidade, tendo que será desaloxada unha hora despois, e algúns veciños de Zamáns foron levados a hoteis ante o perigo de que as chamas chegasen ás súas casas.
Ás sete da tarde aparecía un novo foco rapidamente atendido polos bombeiros en Sampaio, en torno á ponte da autopista de Areeiro. Ao mesmo tempo, o incendio de Chandebrito ía avanzando cara Vigo, por unha banda cara aos montes de Coruxo, e doutra cara aos montes de Valadares. As casas de Fragoselo lograron esquivar o avance natural do incendio, e non se tivo que lamentar ningún dano para as persoas en Coruxo nin en Valadares. Ante esta situación o instituto e o colexio de Sobreira cancelaron as súas clases para o día seguinte, mormente pola proximidade do incendio a estes centros educativos.
Pouco despois comezaban a difundirse carocas polas redes sociais, como que o hospital Álvaro Cunqueiro estaba sendo desaloxado. O único que pasaba co novo hospital foi que tivo que iniciar o protocolo de funcionamento con ventás e condutos de aire pechados, xa que o ambiente estaba xa cheo de fume.

Chegouse a dicir que o Concello estaba disposto a realizar cortes de electricidade ou auga, finalmente non foi necesario tomar estas medidas. Ás doce da noite Vigo seguía sen poder durmir, cun novo foco nunhas árbores en San Amaro con José Posada Curros (barrio de Hispanidade) e outro noutras árbores nun dos soares da praza de España.
Malia a que para extinguir os incendios da avenida de Europa foi preciso contar coa axuda de camións cisterna de AENA, os incendios urbanos da cidade (e os forestais que nos arrodeaban) foron controlados en torno á una da mañá. Os vigueses tiñamos os pelos de punta, mais outros moitos galegos aínda non podían pensar no despois, atopábanse aínda loitando contra as chamas.
Continuará...
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.
Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.