As rúas principais do barrio do Calvario (*)


O rueiro do noso barrio é ben interesante, nel recóllese a nosa historia, a nosa toponimia, os nosos benfeitores e benfeitoras, homenaxes a diversas personalidades, influencias relixiosas, ou directamente designacións de rúas “porque si”.

A través do noso rueiro podemos descubrir moitas cousas, e neste primeiro artigo desta nova sección vou centrarme nas catro principais vías do barrio. As catro están dedicadas a destacadas personalidades viguesas, como son Angel Urzáiz y Cuesta, Emilio Martínez Garrido, Adolfo Gregorio Espino, e Jenaro de la Fuente. Sobre este último cabe dubidar se a rúa está dedicada ao pai ou ao fillo, xa que en ningunha placa se especifica o segundo apelido (Domínguez o pai, e Álvarez o fillo). De calquera xeito, ambos foron recoñecidos arquitectos moi achegados á cidade de Vigo durante finais do século XIX e principios do XX. Algunhas obras súas son o hotel Universal, o edificio Bonín, o cemiterio de Pereiró (o pai), o edificio Aurora Polar, o edificio da Peineta, ou o estadio de Balaídos (o fillo).

As dúas avenidas que practicamente cercan o barrio, Martínez Garrido e Gregorio Espino, están dedicadas a dous importantes alcaldes da historia da cidade de Vigo, mais non teñen moito que ver o un co outro, pois mentres o primeiro foi alcalde durante a Segunda República e foi fusilado nas paredes de Pereiró polos sublevados no 36, o segundo foi alcalde durante a ditadura de Primo de Rivera. Amais, mentres o primeiro é lembrado por ser un dos alcaldes galegos que promoveu activamente o Estatuto da Galiza, o segundo é coñecido por conseguir a cesión da finca do actual parque de Castrelos á cidade. Cabe destacar que malia que Gregorio Espino foi mestre no antigo concello de Lavadores, ambos foron alcaldes de Vigo, e non de Lavadores, concello ao que pertencía entón o que comezaba a ser o noso barrio.

O primeiro que citei arriba, Urzáiz, é ben coñecido por ser o personaxe que lle dá nome á rúa peonil do Calvario, e por tanto, núcleo principal do barrio. Ángel Urzáiz foi ministro de Facenda e deputado por Vigo nas cortes de Alfonso XIII, amais é especialmente lembrado por defender aos empresarios conserveiros de Bouzas. Hai que dicir que esta rúa (que chega ao Calvario dende o centro da cidade) non se concibe como tal até a fusión nos anos 40 dos concellos de Vigo e de Lavadores. Ata entón, tiña nomes distintos dependendo do tempo histórico e o concello, mais xa foi chamada Urzáiz no concello de Vigo entre os anos 1906 e 1931, e no franquismo chamouse “José Antonio”.

(*) Artigo publicado no exemplar número 2 (setembro de 2018) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.

Comentarios