Comeza o Nadal en Vigo

Vigo vai acender o seu Nadal oficialmente este sábado 24 de novembro (se todo vai ben). O certo é que a pesar da previsión de choiva a intención do alcalde é celebrar o acto ás 21 da noite, isto implica cortar ao tráfico case todo o centro da cidade, polo que os Vitrasas deberán desviarse de xeito bastante complicado. Se isto sucede, Mr. Vigo irá avisando por Twitter e FB dos momentos nos que comecen os cortes, xa que a hora destes é relativa. Se finalmente se decide cancelar o acto e os Vitrasas non se ven afectados, tamén avisarei nas redes sociais.
Polo momento, todo semella indicar que o acto se celebrará e Vitrasa xa preparou os desvíos oficiais para este día, e eu volo resumo no meu mapa de incidencias, que deixo aquí abaixo pero que se pode consultar no menú principal do blog. O que está claro é que a diversión está asegurada, ademais de que será unha xornada interesante porque poderemos ver numerosos reforzos á zona centro, C1s que pasan por Travesía de Vigo, 7s pasando dúas veces pola praza de España, 9s que comezan ruta en Gran Vía... Outra cousa que haberá que facer esta tarde-noite é dende que empecen os desvíos asegurarse de que están nas liñas combinadas (9A-24, 8-9A...) todos os buses necesarios para independizar por unhas horas esas liñas, xa que co centro cortado o cambio de liña tería que facerse por San Lourenzo, e iso xa sería demencial.

No mapa indico os desvíos que tomará cada liña en cada sentido, e por suposto, realizará todas as paradas habituais dos Vitrasas polas rúas polas que pase o bus ademais das paradas provisionais para determinadas liñas que se indican no mapa. Teño que advertir tamén de que durante o que duren os desvíos desta tarde todas as paradas da rúa Urzáiz quedarán anuladas, así como as de Policarpo Sanz e o paseo de Alfonso.

Comentarios