Inauguración da rúa de Vannesa Lage (FdV) |
Á parte das catro rúas principais do noso barrio, tamén existen outras vías que inclúen homenaxes a diversas personalidades relacionadas co Calvario mormente. Estas rúas das que falamos neste artigo son quizais das menos coñecidas da zona, mais non por iso merecen menos atención.
A maior parte das rúas que teñen nome de persoa nomeáronse uns anos despois da morte do seu portador a modo de homenaxe póstuma. Estas son a rúa do escultor Nogueira, dedicada en 1987 a Camilo Nogueira (escultor lavadoreño que tiña o seu taller no barrio e con múltiples obras pola cidade); a praza de Maruxa Mallo, dedicada á célebre artista galega dous anos despois do seu pasamento; a praza de José Campos Pérez (mestre fundador dunha escola na contorna da actual praza); a rúa do Doutor Toscano, outorgada en 1987 a petición popular; a rúa de José Fiaño Señor (dedicada tamén por iniciativa popular); e a rúa de Fernando Lago Olano, dedicada no ano 2000 ao médico fillo do tamén doutor con rúa Martín Lago, entre outras.
Para pechar esta serie cabe destacar a rúa de Vannesa Lage Carreira, renomeada así no ano 2016 en lembranza da axente da policía nacional que faleceu en acto de servizo nun atraco á unha sucursal de Abanca na rúa do doutor Carracido en novembro de 2014 que conmocionou á cidade. A rúa de Vanessa Lage antes era a travesía de Antela Conde.
Algúns "afortunados" puideron gozar da súa rúa en vivo, por exemplo, o doutor Carracido, falecido en 1928 e con rúa dedicada xa en 1926; José Cerviño, bispo da diócese de Tui-Vigo durante case 20 anos (e disfrutouna en vida durante máis de dez anos); ou Antía Cal, importante pedagoga fundadora da escola viguesa Rosalía de Castro que segue viva e ten unha rúa dedicada na zona de Fontáns dende o ano 2010.
Inauguración da rúa de Antía Cal (FdV) |
Outras rúas están dedicadas a personaxes históricos que influíron no barrio, como Jesús Fernández (último alcalde de Lavadores que conseguiu a anexión ao veciño concello de Vigo); ou José Antela Conde, breve alcalde de Lavadores fusilado nas paredes de Pereiró xunto a outros republicanos no ano 36. Dáse a casualidade de que a esta rúa antes de estar dedicada a Antela Conde, era chamada "Estanislao Núñez", empresario franquista de Lavadores ao que lle prenderon a casa varios republicanos precisamente no ano 36, entre eles Antela Conde.
Tamén existen dúas rúas que serven para lembrar a máis dunha persoa cunha mesma rúa. Son a rúa dos irmáns Quintela Pérez, ambos destacados alcaldes de Lavadores na primeira metade do século XX; e a praza de Os Morenos, que está no cruzamento das rúas Estorniño e Sobreiro, e rende homenaxe ao histórico grupo de gaiteiros Os Morenos de Lavadores, que eran orixinarios do mesmo lugar do Sobreiro. Dedicada a un personaxe musical tamén existe a rúa de Pascual Veiga, nomeada así no ano 1972 para lembrar a quen fora compositor da música do himno galego.
Como curiosidade para rematar, no rueiro da cidade pódese atopar un parque pantasma supostamente sito no barrio do Calvario que levou o nome de Fernando Elorrieta en 2004, falecido en 1999, foi comerciante e o director da Academia Nós. Amais, hai que destacar que a glorieta de cruzamento entre as rúas Gregorio Espino, Jenaro de la Fuente e Travesía de Vigo leva oficialmente o nome de Praza de María do Carme Kruckenberg dende o 1999. Non obstante, os edificios que dan á rotonda están adscritos ás rúas de Gregorio Espino e Travesía de Vigo, polo que na práctica esta é unha praza pantasma, que a pesar de ter unha placa nela, non é nada coñecida. María do Carme Kruckenberg era unha poetisa e Viguesa Distinguida que faleceu hai só tres anos, e a día de hoxe ten máis relevancia un mural-homenaxe que se fixo hai pouco na rúa Roupeiro que a súa praza nomeada hai máis de 15 anos.
(*) Artigo publicado no exemplar número 3 (outubro de 2018) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.
Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.