O barrio dos paxaros (*)

Vista da rúa Faisán
A avenida de Gregorio Espino, da que xa falamos no primeiro artigo desta sección, foi proxectada no ano 1957, dentro do Plan Parcial de Lavadores, mais non foi até 1982 cando se inaugurou. O nome que levou entón (só nos seus primeiros catro anos) foi o de “Doblada da Travesía de Vigo”, xa que semellaba que era a dobrada da citada rúa (aínda que isto non fora certo nin moito menos). Esta denominación calou e deu nome ao que hoxe é o barrio da Doblada, xa que na parte alta de Gregorio Espino é onde están moitos dos edificios que daquela comezaban a configurarse como o barrio que é hoxe. Cabe destacar que o topónimo d'A Doblada sempre se dixo así (en castelán) e nunca coma “Dobrada”.

Todas as rúas que se foron abrindo arredor do barrio da Doblada eran novas por aquel entón (falamos dos mesmos anos 80), e se decidiu que todas estas rúas levasen nomes de paxaros. Deste xeito, case tódolos edificios que pertencen ao barrio da Doblada (á súa vez, integrado no Calvario) teñen direccións con nomes de paxaros, polo que o barrio pode ser tamén coñecido coma o dos paxaros.

Quen tivo esa idea? Porque paxaros? Son preguntas que non teñen unha resposta oficial, mais pódense dar teorías. Por exemplo, pode ser que a idea fose dalgún concelleiro da época, ou dalgún veciño que o propuxese. Ademais, a idea pode ser boa para dar a coñecer os nomes dalgúns paxaros dos que, influídos polo castelán, non coñecemos o seu nome na lingua galega. Por exemplo, pega (urraca en castelán) ou bubela (abubilla).
Ademais dáse algún caso curioso no nomeamento destas rúas, como o da Rola ou o da Anduriña. No primeiro caso o que sucede é que A Rola xa existía coma topónimo para a zona que está entre o Couto de San Honorato e o pazo de San Roque antes de que as rúas da súa contorna levasen nomes de paxaros. No caso da Anduriña o que pasa é que se plasmou perfectamente o xeito de falalo galego que temos na nosa zona, xa que o termo normativo para esta ave é o de andoriña. É o mesmo que pasa co famoso Meixueiro, cando en realidade é Meixoeiro, como xa vimos aquí.

(*) Artigo publicado no exemplar número 4 (novembro de 2018) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.

Comentarios