O plan de transporte público da Xunta (I): introdución

Autocares do grupo Monbus (1614, 816, 802 e 1288 dende a esquerda) na estación de autobuses de Pontevedra
A Xunta de Galiza está levando a cabo un plan de transporte público que pretende basicamente revolucionar o transporte por estrada (e no noso caso, tamén de ría) interurbano. O 1 de febreiro a Consellería de Infraestruturas vén de sacar a exposición pública os anteproxectos do primeiro lote de concesións da segunda e última fase do plan, pero antes de analizalos imos repasar, xa que á fin e ao cabo é a primeira vez que falo disto no blog, o funcionamento do plan...

- Como comezou todo?

No ano 2009 chegaban á súa fin as concesións autonómicas de transporte de viaxeiros por estrada (o que antigamente era coñecido como coche de liña ou directamente liña, pois é o único método de transporte colectivo fóra das cidades, con excepción do tren nalgunhas zonas) adxudicadas dez anos antes maioritariamente a empresas que levaban prestando servizos de transporte a determinadas zonas dende os mesmos inicios da automoción ou incluso dende antes (Cerqueiro, Ojea ou Atsa na nosa bisbarra por exemplo), e a Xunta acordou co sector prorrogar tódolos contratos dez anos a cambio de medidas de melloras superficiais por parte das empresas, co que se calculaba un aforro de máis de 110 millóns de euros por parte da administración.

Pero este proxecto foi obstaculizado en 2016 polo Tribunal Supremo debido a que ía en contra da normativa comunitaria europea (estamos dentro da Unión Europea, claro), que estabelece que as concesións de servizos públicos non poden superar os 10 anos. Por isto, a Xunta garantiu o mantemento dos servizos ata 2019 cunha lei autonómica. Ao mesmo tempo, unha serie de empresas quixeron abandonar a súa concesión alegando que non eran rendibles, co que a maquinaria do plan B da Xunta comezou aí, á marxe do transporte metropolitano.

- En que se basea este plan B, que se está levando a cabo?

Basicamente o que se pretende é modernizar e rendibilizar o transporte por estrada galego. Deste xeito, a renuncia de máis da metade das empresas ás súas concesións (alegando motivos económicos) foi aproveitada para facer novos proxectos transitorios para esas concesións até a culminación do plan en 2019, á que estamos chegando.

Derónse moitos destes casos por todo o noso territorio, pero na nosa zona foi o que sucedeu coa liña Vigo-Porriño-Salvaterra (agora en mans da UTE Faibus ata dentro duns meses) ou coa ruta Vigo-Mondariz-Covelo-A Cañiza (ídem con Empresa Raúl), e con estas concesións transitorias introduciuse o que agora se pretende que se extenda por toda Galiza: o bus escolar compartido.

Esta interesante iniciativa; co obxectivo de rendibilizar as prazas vacías que quedan nos buses escolares sobre todo no rural e así ofrecerlles un servizo de transporte máis a moitas aldeas, foi recibida con certo escepticismo nun principio por parte das ANPAs, a pesar dos beneficios que trouxo para o transporte en moitas aldeas, e xa estivo en práctica hai anos dunha maneira más "rudimentaria", pois agora estas rutas son integradas en concesións de transporte autonómico e contan cun teléfono (e nalgúns servizos co portal bus.gal) para reservar as prazas. Das peculiaridades do coñecido como TES + BUS falaremos noutra ocasión.

Unha vez avanzada a fase transitoria toca rematar de definir o plan...
Este mapa reflicte tódalas rutas de bus interurbano que sufriron da renuncia da súa operadora, aínda que é notábel a ausencia da máis famosa de todas: a Vigo-Pontevedra-Compostela-Coruña/Ferrol de Monbus
- COMO vai funcionar?

  • O programa do bus escolar compartido estenderase a máis da metade das concesións autonómicas, sendo unha opción de transporte viábel para desplazarse a numerosas aldeas de toda Galiza.
  • As tarifas por parada ou lugar desaparecerán, estabelecéndose un prezo único para calquera desplazamento entre o termo municipal dun concello a outro, cun desconto do 10% para pagamentos con tarxeta TMG. Este sistema tamén permitirá que a tarxeta Xente Nova estenda as súas vantaxes a toda Galiza (para o que se prevé un investimento por parte do goberno autonómico de máis de 60 millóns de euros ao ano), e será compatíbel coas áreas metropolitanas. Ademais, tódalas concesións experimentarán a partir do 1 de xaneiro de 2021 unha subida progresiva do 1% tódolos anos.
  • Aos concursos públicos para tódalas concesións, que terán unha duración de 10 anos poderase presentar calquera empresa comunitaria, co que ben poderiamos dicir que o que nos vén vai ser a guerra polo transporte galego. Non obstante, a Xunta xa preveu isto deixando numerosos contratos sen demasiadas esixencias e un ámbito curto (mesmo haberá concesións que só empreguen o formato TES + BUS).
  • Preténdese esixir renovación de flota e medios tecnolóxicas ás empresas para obteren mellor puntuación e asegurar a modernización do transporte mediante unha colaboración Xunta-empresas. Que os vehículos destinados a prestar os servizos interurbanos das concesións cumplan certos requisitos medioambientais tamén será un punto a requerir nos pliegos de condicións.
- CANDO vai funcionar?


A renovación das concesións dividiranse en dous lotes. O primeiro componse das rutas que xa foron renovadas en 2017 e mais unha pequena parte do resto, que saíran no segundo lote. Os anteproxectos da primeira tanda están agora mesmo en período de exposición pública neste apartado do portal de Infraestruturas e Mobilidade, e é por iso polo que animo a todo aquel que queira consultar como se propoñen que sexan os novos servizos nos documentos e realizar alegacións para aportar cadanseu gran de area ao proceso de modernización do transporte por estrada en Galiza.

Nos seguintes artigos vou analizar os anteproxectos que atecten á nosa contorna metropolitana e persoalmente farei as alegacións que considere ata a 28 de febreiro, data na que se fecha o período de exposición pública. Dende aí, resolveranse as alegacións prantexadas e procederase a licitar os contratos, para que o 8 de agosto entren en servizo as novas concesións do primeiro lote. O mesmo proceso será repetido cos contratos da segunda que da, dende xuño ata decembro, cando o plan de transporte público da Xunta poderá estar finalizado.

Comentarios

  1. Bos días,
    Sabes como presentar as alegacións?
    Un saúdo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, tes que realizar un escrito expoñendo as túas alegacións dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade, ben mediante o Rexistro Electrónico da Xunta ou segundo eles meemos, "por calquera otro medio", polo que seguramente é factíbel realizalas con só enviar un email.

      Un saúdo.

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.

Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.