![]() |
Vista da rúa Andalucía |
A maior parte destes camiños carecían de nome oficial nos tempos da posguerra e a ditadura (se ben algúns podían ter unha denominación toponímica previamente ou unha designación republicana); e outras eran vías novas que se ían abrindo, e por iso decidiron chamalas por nomes de rexións (hoxe comunidades ou provincias).
Algúns exemplos son as rúas Badaxoz, Asturias, Valladolid, Vizcaia, Burgos, Soria, Palencia, Segovia, Logroño. Como excepcións á regra de rexións atopamos a rúa de Monforte de Lemos, (nomeada así xa nun rueiro do ano 54 sen motivación aparente) e a rúa de Numancia e tódalas súas travesías (dedicadas á antiga cidade celtíbera próxima á actual Soria).
Con topónimos preexistentes podemos destacar ás rúas Extremadura e Andalucía. A primeira levaba o nome oficial de Riomao, topónimo orixinal da gran parte de Lavadores que ocupa hoxe o que coñecemos pol'O Calvario, e na II República tivo o nome de Triunfo. Pola súa banda, a rúa Andalucía era coñecida anteriormente pola do Estanco de Marallas, un señor moi argalleiro.
E outras das rúas con nomes de rexións no barrio do Calvario son Cataluña (os republicanos lavadoreños chamárona Pablo Iglesias e durante a guerra levou o nome de Capitán Carreró, en “honra” ao principal sublevado en Vigo), León (na república foi chamada Manuel Llaneza, probabelmente un sindicalista ao que quixeron homenaxear, e na guerra chamouse Comandante Felipe Sánchez), Aragón (ao igual que ás anteriores, Capitán García Hernández para os republicanos, José Calvo Sotelo para os sublevados), e Toledo (desta última cabe destacar que en realidade non se pensou como unha rexión, senón que durante todo o franquismo e ata pasada a Transición homenaxeaba á batalla do Alcázar de Toledo, mais en 1981 decidiron eliminala connotación franquista das rúas, polo que aproveitando a circunstancia das rexións pasou a chamarse polo seu nome actual).
Por certo, os nomes de Carreró e Felipe Sánchez quitáronse tamén porque, igual que pasou con outras rúas, ao fusionarse os concellos de Lavadores e Vigo producíanse duplicidades nos nomes (en Vigo Carreró era a actual Porta do Sol e Felipe Sánchez o actual Areal).
(*) Artigo publicado no exemplar número 6 (xaneiro de 2019) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.
Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.