Alegacións e as administracións...

Como ben saberedes, durante o pasado mes de febreiro a Xunta de Galiza tivo en período de exposición pública todos os proxectos de explotación do primeiro lote de concesións de transporte público por estrada, o que aparentemente significa que calquera cidadán pode presentar á administración as súas alegacións sobre os mesmos, e digo aparentemente porque o certo é que cando un particular participa nalgún proceso dunha administración, sempre se vai cun pouco de receo, pensando en que as administracións non acostuman a funcionar como deberían, etc...
Pois ben, neste caso Mr. Vigo comprobou como ese pensamento non se afasta demasiado da realidade, por moita ilusión que un teña de que as institucións por fin funcionen tan ben na práctica coma na teoría.

Á marxe das miñas entradas anteriores, nas que expuxen as características principais das concesións e máis os erros que atopei, teño en mente unha serie de propostas de mellora sobre cada unha das principais concesións da nosa área metropolitana, co que confiando en que as miñas alegacións fosen consideradas (ou alomenos discutidas), confeccionei unha mestura entre os erros e as propostas de mellora das concesións para presentar na sede electrónica da Xunta un escrito a modo de alegacións.

Aquí tédelo escrito (na solicitude electrónica vai precedido por unha introdución), para que o valoredes por vós mesmos:
ALEGACIÓNS,
Respecto do anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada de clave XG622:
Nas liñas XG62201, XG62202, e XG62203 as paradas indicadas como "Hospital de Vigo"(no concello de Vigo), "Alto Confurco" (no concello de Ponteareas), e só na XG62201 as indicadas como "Ramilo", "Rans", "Tameiga", "Porteliña", "Rexenxo", "Petelos", "Vaquero" e "Sanguiñeda" (no concello de Mos) son incorrectas. Nalgún caso a denominación da parada non se corresponde coa realidade e noutro, é irrealizábel onde se prantexa, e en tódolos casos as paradas non se realizan a día de hoxe no contrato antecesor deste e son inviábeis de realizar como se prantexa.
Os horarios das expedicións en sábados, domingos e festivos das liñas XG62201 e XG62202 son incorrectos, pois son os mesmos á ida que á volta. Para este tipo de días os horarios actuais da concesión antecesora poderían manterse nestas liñas.  
Ademais, a expedición de ida e volta que realiza a actual empresa concesionaria (Empresa Raúl, S.A.) de Mondariz a Barciademera non figura no anteproxecto, e debería manterse tal como está, e se cabe, ampliar os seus horarios.
Respecto do anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada de clave XG624: 
As liñas XG62433 e XG62434 (herdeiras da actual V-2115) deberían manter as paradas que realizan actualmente, e máis se se propón que estes servizos os realice o urbano da cidade, o que nese caso significa que non deben saír a concurso público, senón que deben adxudicarse directamente a VIGUESA DE TRANSPORTES S.L.
Por outra banda, contémplanse nestas liñas horarios que no seu día foron desbotados pola concesionaria actual por falta de rendibilidade, e convén respectar os horarios actuais.
A liña XG62401 debería adiantar os seus horarios en sentido de volta 10 ou 15 minutos, para respectar os horarios preestablecidos en Soutomaior. Ademais, habería que aproveitar as paradas existentes que hai entre Soutomaior e Pazos para prestar máis servizo á zona (en concreto nos núcleos de Lourido, As Penas, Lamasusán e Amoedo). Ademais, faltan paradas entre Vilaboa e Pontevedra, ao longo da N550.
A liña XG62422 debería garantir aos veciños de Cepeda e Nespereira a conexión en transbordo co centro de Pazos a través das rutas XG62423 ou XG62425, ademais de que podería valorarse realizar algunha expedición máis desta liña a media mañá.
A liña XG62423 debería incluír parada no concello de Vigo na Travesía de Vigo e na rúa do Areal (tal como agora), e deberían manter os seus pasos por Bouzas tal como agora. 
Ademais as viaxes de ida desta liña e máis da XG62425 deberían adiantar o horario das súas expedicións 15 minutos, para respectar o horario preestablecido en Fornelos. Tamén se podería valorar deixar algunha expedición só entre Fornelos e Redondela ou Vigo.
Deberíase incluír unha nova liña entre Redondela e Porriño ou Tui pola N550 especialmente para servizos especiais polo Carnaval de Verán de Redondela.
A liña XG62424 debería dividirse segundo as distintas liñas que cubren a día de hoxe o traxecto entre Vigo e Redondela. Así, a maior parte das expedicións deberían ter a  cabeceirano concello de Vigo na parada da rúa Areal, e algunhas expedicións poden ampliar os seus percorridos ata o hospital Álvaro Cunqueiro, Bouzas-Beiramar ou a estación de autobuses, tal como está a día de hoxe. É imposíbel cumprir os horarios tal como se propoñen, ademais de que a demanda non é tal como para estabelecer tódalas expedicións  ataBouzas e o novo hospital.
A liña XG62430 debería retirar a parada no concello de Vigo de "Meixoeiro (Hospital)", xa que os seus horarios non contan con demanda para acudir a dito hospital, senón que só precisan que vaia directo ao CUVI dende Peinador.
Para adaptarse ás demandas de traballadores redondeláns nos hospitais públicos Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro de Vigo podería crearse unha liña Redondela-Meixoeiro-HAC indo pola N550 ou pola N555 (habería que valorar onde hai máis demanda, se nas zonas de Cedeira, Rande e Cabanas ou Negros, Cabeiro e Peinador, pois practicamente se tarda o mesmo por ambos camiños) e pola AP9/A55/VG20, con expedicións cara Vigo ás 7.15, 14.15 e 21.15 e de volta ás 8.15, 15.15 e 22.15.
Respecto do anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular  de viaxeiros de uso xeral por estrada de clave XG621:
Na liña XG62133 contémplanse varias paradas no concello de Mos que a día de hoxe son impensábeis nunha viaxe entre Vigo e Salvaterra e non se realizan.
As liñas XG62119 e XG62120 poderían fusionarse nunha soa realizando un percorrido circular por Atios-Cerquido-San Blas-Vacaría-A Casilla-Atios. Desa maneira,  rendibilizaríanse dúas liñas que de por si non teñen demasiada demanda, ademais de que as paradas polo interior de Atios da segunda liña (Portela de Souto, A Torre, Os Galegos e Vilafría) non se realizan na actualidade e incluso contemplan pasos por camiños polos que un autobús non pode pasar.
Nas liñas XG62136, XG62139, XG62141, XG62142 e XG62143 as paradas no concello de As Neves son inconcretas, ademais de que na primeira liña a parada de "Hospital de Vigo" é incorrecta e non se realiza a día de hoxe.
Nas liñas XG62137, XG62138, XG62140, XG62141, XG62144 e XG62145 as paradas de "Cruce Gorxal" no concello de Vigo son incorrectas e non se realizan. 
Boa parte, senón todas as frecuencias e rutas entre Vigo e Salvaterra poderían ser substituídas por unha ou varias liñas circulares que cubran os principais núcleos de paso entre O Porriño, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, reforzando as liñas e rutas entre O Porriño e Vigo para así fomentar o transbordo no Porriño para viaxar ata ou dende os concellos de Vigo e Mos. Asemade, o servizo ao concello das Neves podería ser cuberto por microbuses (como a día de hoxe) entre Salvaterra e As Neves unicamente.
Faltan moitas expedicións tanto de ida como de volta da liña XG62122, unha das máis importantes se cabe.
Respecto do anteproxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada de clave XG625:
A integración na concesión de servizos que até o de agora eran exclusivos de traballadores ou universitarios para que as prazas vacías desas viaxes poidan ser aproveitadas por usuarios xerais, e no caso de PSA os horarios e a ruta están ben. Mais no caso da Universidade, neste anteproxecto propónse que o servizo que ata o de agora está en mans da empresa Cerqueiro e só fai parada no concello de Vigo no hospital Meixoeiro e no CUVI,  pase a prolongar a súa ruta ata o hospital Álvaro Cunqueiro, asumindo logo case tódalas frecuencias entre o Morrazo e este hospital.
O que se pretende entón é aproveitar o servizo que atende ao CUVI para estirar o seu percorrido ata o novo hospital de Vigo, o cal prexudicará o servizo que actualmente atende a demanda entre o Morrazo e o CUVI. 
Ademais, ningunha expedición entre Vigo e Cangas contempla pasos no concello de Vigo por Travesía de Vigo e a estación de autobuses, e moitas das expedicións que van dende o Areal ata Bouzas non teñen case pasaxeiros, polo  que podería substituírse o paso por Bouzas por Travesía e a estación de autobuses, e mesmo por ese camiño poderían ampliar algunhas expedicións ao novo hospital.
Por outra banda, para solventar a efectividade do servizo aos hospitais en horario de entrada e saída de traballadores na concesión proxéctase o estabelecemento de paradas limitadas no percorrido polo Morrazo, o cal non axudará en nada a mellorar esta liña, xa que a día de hoxe a liña case non ten usuarios fóra das paradas principais, polo que vai tardar practicamente o mesmo que antes, así que non afecta en case nada que calquera usuario puntualmente poida aproveitar eses servizos en calquera parada polas que pasen.
Unha solución viábel do tipo "exprés" sería facer que a liña vaia dende a rotonda do Gordo de Cangas polo corredor do Morrazo directo cara á autopista, o cal fomenta o transbordo entre Moaña e a rotonda do Gordo e reduce o tempo da viaxe para os usuarios cangueses.
Ante todas estas alegacións, a administración, en concreto a Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza, só foi quen de responder o seguinte:

Con todo, semella que os responsábeis de ler e analizar as alegacións presentadas só tiveron en conta os dous primeiros parágrafos do escrito, que pode que sexan dos menos importantes de toda a redacción.

Por cousas coma esta é polo que os cidadáns acaban tendo desafección pola política, as administracións públicas, e polo "sistema".

Mr. Vigo quere con este artigo publicado a 28 de abril de 2019, día no que se celebran no Estado Español eleccións xerais ao Congreso e ao Senado, lamentar que unha vez máis as administracións demostren unha total falta de efectividade, empatía e proximidade cara os seus cidadáns e desexar que estas situacións deixen de ser unha constante pronto.

Comentarios