A rúa Sagunto é unha vez cruzada a peonil a continuación natural da rúa Aragón para dirixirse cara ao centro da avenida de Martínez Garrido, a rúa do doutor Toscano é unha pequena vía próxima á zona d’A Doblada, e a rúa José Fiaño Señor atópase entre as rúas Aguia e San Roque, a medio camiño entre as rúas dos paxaros e a zona central do Calvario.
Vista da rúa de Sagunto |
Estas rúas aparentemente só teñen en común a súa ubicación, pois as tres están dentro do noso barrio, mais en realidade agochan unha relación oculta que se pode descubrir a partir da finca sita no número 24 da primeira rúa citada. Este soar alberga unha curiosa edificación deseñada como vivenda particular e levantada hai xa máis dun século, en 1918, polo celebérrimo arquitecto francés de orixe polaca Michel Pacewicz, cuxa actividade profesional na nosa cidade foi destacada e abundante.
Falamos do coñecido como sanatorio de Santa Cristina (facendo referencia á de Lavadores, como supoñemos que tería sentido), fundado polos doutores Cesáreo Corbal e Manuel Amoedo.
O primeiro foi coñecido en todo Lavadares e Vigo como “o médico dos pobres” e pertenceu a outras clínicas, mais estivo especialmente arraigado á veciña parroquia de Teis, onde dispón dunha importante rúa co seu nome. Pola contra, o doutor Amoedo non é moi lembrado, e dado que o nome de Sagunto foi pensado no franquismo para lembrar a historia bélica desta poboación valenciana, non estaría mal renomear esta rúa para dedicarlla ao doutor Amoedo. Aínda así, hai que dicir que esta rúa tivo outros nomes anteriores, entre os que destaca o de “Sobrino”, en probábel referencia a un posesor desas terras.
O doutor Toscano |
A clínica da rúa Sagunto tivo unha longa historia rematada en 2009 tras o seu peche, que deixou o edificio nun terríbel estado de abandono que está sendo remediado cunha rehabilitación para residencia de maiores a día de hoxe, case unha década despois. Pero antes disto pasaron polo sanatorio outros médicos con sona, como foron Ernesto Toscano ou José Fiaño. O primeiro pasou pouco tempo aquí e fixo carreira pola súa conta, na fábrica de Álvarez ou na residencia Almirante Vierna, despois chamada Hospital Xeral; mentres que o segundo foi o director do sanatorio durante os anos 60, 70 e 80. Finalmente, nos anos 90 o hospital pasou a chamarse El Magnolio, ata que se declarou en suspensión de pagos e pechou.
*: Artigo publicado no exemplar número 8 (marzo de 2019) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.
Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.