Os superviventes toponímicos do rueiro do barrio do Calvario (*)


Resultado de imagen de calle portela vigoPódese dicir perfectamente a que a toponimia, entre outras cousas, forma parte da idiosincrasia do pobo galego. Cada pedra, terra, vivenda, lugar, ou aldea podían ter un nome propio en función das súas características, co que en cada parroquia podía haber centos de topónimos cos que nomear cada recuncho, que hoxe en gran medida só lembran os nosos maiores.

Esta progresiva perda de toponimia ten varias causas, como poden ser a falla actual da necesidade de antes, o despoboamento do rural ou a falla de valoración do patrimonio; e no Calvario concretamente sufrimos do crecemento e a presión urbana, que fixo que, como vimos en artigos anteriores, coa apertura de novas rúas se esqueceran os nomes preexistentes desas zonas. 

Con todo, no rueiro da zona máis urbana do barrio podemos constatar a supervivencia de tan só 5 topónimos entre as rúas de paxaros ou as rúas de provincias... Estes son A Cruz Branca (xa falado aquí), O Cristo, A Portela, Medeiros e O Sobreiro. 

Os dous últimos sitúanse entre a avenida de Martínez Garrido e o parque d'A Paz (por certo, este é un neotopónimo nado a raíz da segregación eclesiástica de Lavadores); a rúa da Portela sae da peonil e chega ata a igrexa de Santa Cristina, aínda que ten dous tramos ben diferenciados, un totalmente urbanizado e outro xa fóra do perímetro urbano; e a rúa do Cristo está no centro do barrio, e debe o seu nome ao calvario (que tamén lle dá o nome ao barrio) cun cristo que estaba no cruzamento desta rúa con Urzáiz. O calvario foi movido ao atrio de Santa Cristina despois de que un mendigo o danase durante unha noite de troula. 

A orixe do coñecido nome d'A Portela está nun dos significados da palabra, pois á parte de ser unha porta ou abertura nun valado, tamén pode ser un paso estreito entre terreos elevados, neste caso era a través de divisións de augas. 

Non tan coñecida é a raíz dos Medeiros ou Mideiros (como figura oficialmente a rúa, probabelmente por error), que segundo explica Iván Sestay no segundo volume da colección de Toponimia do Val de Fragoso, debeu nacer a partir dalgún elemento na paisaxe que tivera forma cónica, igual que as medas ou medotes. E que son as medas? Pois son os palleiros de herba ou de millo que se fan nas leiras, no caso do millo primeiro hai que esfollalo e a herba hai que segala. Como é obvio, xa pouca xente lembra estes labores do campo no noso barrio.
Sobreiro e Medeiros en Google Maps

O último caso que veremos neste artigo é o do Sobreiro, que non é máis que unha variante morfolóxica da sobreira.

Fe de erratas: No artigo do pasado outubro de 2018 escribín que José Cerviño foi un dos párrocos da igrexa da Paz, e en realidade foi o bispo da diócese de Tui-Vigo durante máis de 20 anos. 

*: Artigo publicado no exemplar número 7 (febreiro de 2019) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.

Comentarios