O Calvario e Os Choróns (*)

Vista da subida final da Rúa Urzáiz antes de chegar ao cruzamento dos Choróns

O Calvario e Os Choróns son dous dos topónimos con máis sona de todo Vigo, e tamén podemos dicir que son os dous principais nomes de lugar que hai no noso barrio.

O Calvario dá nome ao barrio e até ás súas proximidades, ademais de que historicamente é considerado o núcleo central de Lavadores (antigo concello e actual parroquia administrativa) e así segue funcionando na práctica.
Pero non tan historicamente, pois nas primeiras referencias que temos deste topónimo, no século XVIII, aparece como “O Calvario de Riomau”. Isto é debido a que O Calvario de hoxe tan só era antigamente un dos lugares do barrio lavadoreiro de Riomau, hoxe totalmente desaparecido en prol do noso Calvario.

E cal é a orixe real deste nome? Pois o certo é que se preguntamos a calquera veciño do barrio poderannos citar varias teorías ao respecto. Unha dirá que os terreos da zona eran calvos, é dicir, que non tiñan vexetación. 
Pero esta hipótese pode ser só válida para a zona do colexio do Pombal e a rúa Toledo, que si que era coñecida como A Calveira por iso mesmo, mentres que na zona do Calvario as que predominaban eran terras de labor, viñas e froiteiras.

Outra teoría di que O Calvario era o conxunto de tres cruces ou cruceiros que había no barrio (unha estaba no cruzamento dos Choróns, outra no pazo de Rivera Atienza en Martínez Garrido, e outra na parte alta da rúa do Cristo xa próxima ao cruzamento coa peonil), e esta é a que semella ser a verdadeira. Só conservamos hoxe en día o cruceiro da rúa do Cristo, trasladado ao adro da igrexa de Santa Cristina.

Por último, hai quen di que o nome do barrio débese ao viacrucis que supón acceder a el dende Vigo, pola costa que hai que subir ao longo da rúa Urzáiz, antiga estrada de Villacastín. Sobre esta teoría hai que dicir que pode servir como reforzo e apoio se un non coñece a teoría dos cruceiros. Non obstante, os cruceiros e as referencias ao Calvario sen que estivera demasiado relacionado con Vigo son anteriores a que se popularizara esta teoría, polo que podemos dicir que non é correcta.

Vista do actual cruzamento dos Choróns, sen demasiados salgueiros á vista...
Subindo o suposto calvario cara O Calvario pasamos obrigadamente o cruzamento dos Choróns, que sempre foi un lugar clave para Vigo e Lavadores. Este lugar marca a día de hoxe o fin do noso barrio e o comezo da transición cara o centro de Vigo, e antano marcaba a división entre as parroquias históricas de Lavadores e Santiago de Vigo (ata hai pouco conservábase un marco no muro da Privada Moderna). E non só iso, pois nos Choróns tamén estaba un dos límites máis importantes entre os concellos de Vigo e Lavadores, o que implicaba que pasar dos Choróns cara "arriba" era entrar en Lavadores e viceversa. 

Por este último motivo existía alí un fielato, antigas casetas de cobro de impostos e control de mercadorías entre termos municipais, polo cal se dicía que os que  o cruzaban, trataban de aforrar cartos chorándolles aos funcionarios encargados do cobro, coñecéndose así a zona coma Os Choróns.
Esta teoría popular é falsa, mais dende logo axuda a que o nome vaia callando entre os veciños.

Outra das etimoloxías que reforzan o sentido do nome deste lugar é a posibelmente máis coñecida de todas, a dos salgueiros choróns. É dicir, disque este sitio é coñecido por haber nel varios exemplares deste tipo de árbore tan peculiar. E o certo é que no cruzamento da rúa Pino con Travesía de Vigo chegaron a existir varios salgueiros choróns, mais en realidade esta non é a auténtica orixe do topónimo.

No Catastro do Marqués da Ensenada de 1752 atopamos A Fonte dos Choróns entre os lugares de Lavadores, o que semella aclararnos que a actual elipse Os Choróns procede dunha vella fonte ubicada na zona que emitía un son que lembraba ao de persoas chorando. Precisamente neste sentido hai outro topónimo moi próximo a este chamado Fonte da Chorosa, mellor coñecida coma Fonte do Toxal, que segue a existir actualmente, seguramente porque ao seu contorno aínda non chegou a expansión urbanística, por pouco.

Con todo, podemos afirmar que se o actual nome dos Choróns tivera a súa motivación nos salgueiros a zona aínda non tería sido coñecida así cando a finais do século XIX a destacada escritora Concepción Arenal residiu e finou no coñecido como Pazo de Núñez, sito ata o ano 1949 nos arredores da Fonte dos Choróns, posto que os salgueiros son unha especie arbórea que foi introducida moi recentemente no noso país.

Por último, agardamos que os veciños do Calvario comecemos a utilizar os nosos topónimos coa memoria que merecen. E por suposto, quero recomendar a quen estea interesado na materia a obra "Toponimia do Val do Fragoso 2: Lavadores" do filólogo Iván Sestay, ademais de interesantes artigos dispoñíbeis na rede en El Vigo Oculto, Faro de Vigo ou Atlántico Diario, entre outros.

*: Artigo publicado nos exemplares número 9 e 10 (abril e maio de 2019) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.

Fontes documentais:


Comentarios