Cando falamos de edificios históricos na nosa cidade non nos podemos esquecer da EMAO, Escola Municipal de Artes e Oficios, unha das construcións viguesas máis representativas do estilo ecléctico do francés Michel Pacewicz.
A historia do edificio vai acompasada coa da institución que alberga, tan importante e esencial para a propia historia e o desenvolvemento de Vigo como cidade industrial e obreira.
En 1886 os ilustres cidadáns Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena e Manuel Diego Santos detectan que o crecente e cada vez máis forte pulo industrial da cidade precisa dun programa de estudos de ensinanzas básicas e capacitación para os traballadores, e así, inspirados na filosofía das Institucións de Libre Ensinanza, crean a través da sociedade de socorros mútuos "La Cooperativa" a viguesa Escola de Artes e Oficios nunha primeira sede na actual rúa de Eduardo Iglesias (daquela rúa do Circo).
![]() |
Plano da cidade deseñado por Ramiro Pascual en 1912 |
No ano 1900 o filántropo José García Barbón doa o novo edificio deseñado por Pacewicz para a escola e a xestión da mesma pasa a ser do Concello. Ao tempo, creáse a primeira biblioteca da cidade na escola, que segue a funcionar hoxe en día. Asemade, o laboratorio municipal tamén comenzou a súa andadura nas instalacións da escola, onde permaneceu ata o ano 1931.
En 1904 construíuse o edificio anexo sito na esquina da rúa Pontevedra con Rosalía de Castro, que acolleu e acolle moitos usos complementarios da EAO.
No ano 2016 a Escola cumpriu 130 anos de funcionamento ininterrompido. Ao longo destes anos pasaron pola escola nomes tan recoñecíbeis e recoñecidos como Antonio Sanjurjo Badía, Francisco Cardama Godoy, Fernando Conde, Antonio Cominges Tapias, Paulino Freire, Cesáreo González, Xaime Illa Couto, Silverio Rivas, Camilo Veiga, Reveriano Soutullo...
![]() |
Tramo da antiga varanda existente na rúa de Elduayen, construída por alumnado da EMAO |
A exposición ten unha cantidade inxente de materias expositivos sobre toda a historia da Escola dende a súa creación ata a fin do franquismo (está previsto realizar unha segunda parte proximamente sobre a historia recente) e é moi recomendábel para calquera que estea minimamente interesado na historia de Vigo.
![]() |
Piano de parede da propiedade de Urania Mella Serrano (anos 20) |
Pódese visitar ata o 4 de outubro, de luns a venres en horario de 19h. a 21h. Neste artigo destacamos nas fotos algunhas das cousas que máis chamaron a atencióqn ao autor destas liñas, pero hai moito máis para ver, así que non a perdades.
Fontes documentais:
- Artigos de prensa (Atlántico Diario e La Voz de Galicia)
- Blog Biblioteca da EMAO
- Exposición
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.
Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.