Topónimos fronte a hodónimos no barrio do Calvario (*)


Jenaro de la Fuente… ou Campo de Caralladas?
En moitas ocasións, por causas diversas e sobre todo nas cidades, os hodónimos tenden a gañar peso fronte aos topónimos chegando incluso a substituílos. Así dito, pode semellar un pouco drástico, seguramente porque sempre nos falaron dos topónimos como nomes que existen e que aí seguen, pero o que non nos dixeron é que onde hoxe hai un edificio, unha urbanización e unha rúa antes había terras que tiñan nomes propios, e que probabelmente non se salvaron e deixaron paso a un hodónimo que substituíu a todos aos antigos topónimos que tiña o lugar.


Pero antes de nada, cal é a diferenza entre un topónimo e un hodónimo? A hodonimia encárgase do estudo das rúas, mentres que a toponimia analiza os nomes dos lugares. Para poñer un exemplo claro da aplicación destas ciencias na nosa vida cotiá, podemos dicir que a nosa casa ten un hodónimo (nome da rúa) por enderezo, que comparte con moitas outras vivendas, pero cada zona é coñecida por un nome propio (o barrio, lugar…), ou quizais os mesmos edificios teñan nome propio (isto poden ser neotopónimos).


Tamén é certo que nós centrámonos na microtoponimia, esa que designa nomes ás terras, aos campos ou ás rochas, e que comunmente entendemos por toponimia a que distingue a Sárdoma de Lavadores ou a Vigo de Mos. Mais está claro que historicamente o que servía para distinguir uns sitios doutros eran os seus nomes, e non as rúas, pois ata os anos 80, as zonas rurais de Vigo aínda tiñan denominacións de lugares e non de rúas.


Por suposto, e como xa sabemos, moitas rúas recollen a toponimia da zona, pero moita outra queda esquecida e atopamos no mesmo noso barrio casos de enfrontamentos entre hodónimos e topónimos.
Un claro exemplo disto é a rúa de Tomás Elvira (probabelmente posesor de terras), nomeada así en 1987 no canto da Costiña da Silvana, que é o nome popular e toponímico para este camiño que sube en costa ata a zona central da Silvana, un lugar moi empinado entre as avenidas de Ramón Nieto e do Aeroporto.
Outro caso é o Camiño Alto, moi pouco coñecido, pero que existía na actual rúa do doutor Carracido antes de que esta se construíra.


A rúa de Jenaro de la Fuente, concretamente na súa parte máis baixa (cara á rotonda de Gregorio Espino), tamén é un caso destes, pois malia o que se poida pensar, é das últimas zonas en ser urbanizadas no Calvario (foi aberta en 1991), e a consecuencia disto, o topónimo preexistente consérvase bastante vivo aínda hoxe. Esta zona é coñecida como Campo de Caralladas (alcume propio de xente festeira e gaiteiros) e servía de campo de xogos a moitos nenos da época. No lugar construíuse despois a praza de Maruxa Mallo, que segue a servir aos máis pequenos para xogar. Á súa vez, este campo atopábase no importante lugar do Mouregade (da propiedade dun tal Mauregatus/Mauregati), que se extendía ata a actual rúa de Asturias, e que tampouco quedou reflectido no rueiro...

(*) Artigo publicado no exemplar número 11 (setembro de 2019) do periódico veciñal Somos Calvario, editado pola asociación de veciños do Calvario.

Comentarios