Especial eleccións: os partidos e a mobilidade

Aínda con algunhas incertezas de última hora neste estraño contexto de nova normalidade, este domingo 12 de xullo os galegos, xunto cos vascos, votaremos polo futuro da nosa comunidade durante os vindeiros catro anos.

Normalmente, cada un ten as súas ideas propias e preconcibidas sobre o seu voto, mais pode haber outras persoas que aínda estean pensándoo, e sexa o caso que for, dende Mr. Vigo queremos poñer o noso graniño de area para estas eleccións, mirándoas dende a óptica do transporte e a mobilidade.

Así pois, cómpre ter en conta que este non é por suposto o único factor a ter en conta, e mesmo hai outras publicacións especializadas que están mirando polo seu con moito acerto tamén, mais si que pretendemos con isto dar un pouco de luz sobre en que punto están os partidos galegos nesta materia.

Como aclaración antes de comezar, salientar que a fonte principal que utilizamos son os programas presentados polos distintos partidos, que se poden consultar ben compilados neste artigo de FARO.

PPdeG - Partido Popular de Galicia

Dentro do apartado de "Propostas" na web feijoo.gal inclúe para a "Galicia Moza", o seguinte:
"Extensión á totalidade do territorio dos beneficios da Tarxeta Xente Nova (viaxes gratuítas para menores de 21 anos) para fomentar o uso do transporte público na mocidade e creación dunha Tarxeta Galega de Transportes que sexa medio de pago universal en todos os medios de transporte público de Galicia (autobús urbano, interurbano, taxi ou tren) e que integre esas bonificacións e liñas de desconto."

Continuación das medidas xa levadas a cabo pola actual Consellería, e que como os lectores deste blog xa saberán, está previsto culminar a finais deste ano presente, a pesar dos problemas sobrevidas dos numerosos recursos contra os novos contratos de concesión.

Para a "Galicia Verde":
"Crearase o Ecobono de transporte, implantando nos principais nodos de transporte de viaxeiros máquinas de “reverse vending” que incentiven a reciclaxe de envases a través da súa bonificación con descontos ou viaxes en transporte público da Xunta de Galicia. Tamén en Galicia, espazo sostible (eixe IV)
Ademais de economizar os transportes de mercadorías, e promover con axudas ás vivendas intelixentes, nas que se inclúe o criterio da mobilidade sostible, ademais dunhas liñas xenéricas para reducir os obstáculos nas cidades."

Medida novidosa no país, da que xa sabemos polo seu bo funcionamento noutros lugares de mundo. Sen dúbida, sería algo aplaudido e útil.

Para a "Galicia Innovadora":
"Plan e-mobility para facilitar servizos dixitais a transportistas e viaxeiros. A plataforma de transporte de Galicia, tanto na web como no móbil, consolidarase como canle de acceso en tempo real ás rutas dispoñibles e aos tempos de agarda, facilitará a solicitude online de transporte a demanda e potenciará o uso dunha tarxeta virtual de transporte promovendo o pago a través do móbil ou o acceso a bonificacións especiais en base ao perfil do viaxeiro."
Asemade, inclúese aquí a creación dun observatorio par ao turismo sostible, e para que sexa sostible contémplanse entre os distintos criterios o da mobilidade."

Por desgraza, e como non nos cansamos de pensar dende o grupo de traballo de Moovit en Vigo, esta plataforma (bus.gal) non funciona o ben que debera, e si que é un primeiro paso que constitúe unha pequena revolución comparado coa situación desta dixitalización do transporte galego hai poucos anos.

Outra proposta neste apartado: "Plan Director de Estradas deseñado para unha mobilidade intelixente: para seguir ampliando e mellorando a rede de vías de alta capacidade, no contexto dunha análise do cambio substancial da mobilidade como consecuencia da COVID-19 e en base a estudos de big-data. Incluiranse cuestións como a adaptación das estradas para o vehículo autónomo, en especial no que se refire á comunicación estrada–vehículo; a determinación de puntos de recarga para vehículos eléctricos; ou a planificación de sendas peonís e ciclistas de interese autonómico."

No Eixe III, xunto ao "apoio ao transporte para mulleres vítimas de violencia machista" (medida que non é nova, que moitas administracións promoven e que o PP promete manter), propónse:
"Modernizar e ampliar os servizos de transporte público no rural, esten-
dendo ao conxunto do territorio os beneficios da Tarxeta de Transporte 
Metropolitano de Galicia e da Tarxeta Xente Nova. A través do Plan de 
Transporte Público de Galicia, estenderanse as novas modalidades de 
transporte compartido e baixo demanda."

Como comentabamos antes, a modernización e renovación do transporte que está levando a cabo a Xunta do PP non vai acompañada dunha filosofía da mobilidade, co que este punto semella máis que nada fachada, a pesar do bo do transporte baixo demanda e integrado.

Dentro da loita contra o cambio climático, contemplan medidas para a "Mobilidade Sostible" (páx. 135), entre as que destacan as promesas para o desenvolvemento de estratexias para o fomento público de vehículos máis respectuosos para o medio ambiente, como son os eléctricos; a ampliación do transporte de residuos por tren, que disque xa aumentou dun 25 a un 55% dende 2009 ata agora; desenvolvemento de novas infraestruturas autonómicas; mellora da seguridade viaria; e por outro lado, as medidas que xa se veñen promovendo dende a Consellería, como son a tarxeta única de transporte para toda Galicia, ou a intermodalidade nas cidades galegas e nas capitais de comarca.
Se cadra o único no que o PP non se molla aquí e no tema das peaxes, o que podedes comprobar por vós mesmos na páxina 139 (e final da 138).

Cómpre destacar que o punto quinto da Axenda Galicia que propón refírese á seguinte cuestión:
"A realización en Galicia das infraestruturas ferroviarias pendentes, nomeadamente a finalización do AVE nos prazos comprometidos, así
como as súas conexións con Lugo, Ferrol ou Vigo; a mellora do tren 
de vía estreita; os investimentos relacionados coa inclusión no trazado 
do Corredor Atlántico Europeo; as actuacións de intermodalidade nas 
estacións ferroviarias; a planificación da adaptación do ancho de vía; 
o reforzo dos servizos de viaxeiros; ou a integración dos servizos ferro-
viarios co sistema autonómico de transporte metropolitano."

E por último, dentro do eixe V dedicado á administración local destaca o seguinte:
"Creación dunha comisión para analizar coas cidades as competencias 
propias e impropias e a súa delimitación e os temas estratéxicos do 
tecido urbano. Trátase dunha fórmula de cooperación necesaria en supos-
tos de concorrencia de títulos competenciais en ámbitos coma os 
servizos sociais, con especial incidencia no eido demográfico, o comercio, infraestruturas e urbanismo, transporte, innovación, medio ambiente e tecnoloxías dixitais, nos que deben buscarse solucións 
que consigan optimizar o exercicio das competencias autonómica e local, reducindo disfuncións e evitando duplicidades."

Destaco este punto pola arquicoñecida relación entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, e aínda que se promova esta promesa nun posible vindeiro goberno do PP en Galicia, en Vigo non ten pinta de que poida ser posible ata 2023...

PSdeG - Partido dos Socialistas de Galicia

O partido liderado por Gonzalo Caballero presenta varios documentos como parte do seu programa electoral. O primeiro deles é o documento de traballo para o plan Rexurde Galicia, no que apenas vemos mencións ao ámbito do transporte agás polas medidas prometidas no marco do "plan para a reactivación económica exprés mediante a aceleración de distintos procedementos xa en marcha", no que se inclúen os públicos en xeral ... en materia de transporte" , etc.

Nas bases programáticas fálase nun par de ocasións de cousas referidas á política do transporte, mais para dar catro pinceladas sen achega relevante ningunha (crítica á xestión residual de Sogama, "mellora do transporte colectivo coa exploración de novos mecanismos en vez de reiterar modelos preexistentes e obsoletos"...).

Por fin xa case na última páxina (na 95) hai un apartado dedicado á "unha política de mobilidade eficiente e sustentable coa promoción do transporte público". O certo é que aquí hai racionalidade para falar da mobilidade, pois  todo semellan verbas bonitas que poden ter boa intención mais difícil práctica. Así, estamos ante o típico caso de boas ideas mais descoñecemento das medidas reais que puideran servir para levar a cabo isto.

Galicia en Común

Sinxelo, sen rodeos e conciso. A única mención que hai para o sector de transporte e a mobilidade no programa da gran coalición de esquerdas son estas liñas:

"Temos tamén que cambiar o noso sistema actual de mobilidade por un modelo máis sostible, accesible e seguro, no que os combustibles fosen substituídos progresivamente por enerxías alternativas. Hai que facer unha aposta importante polo transporte público colectivo e asequible con billete único de intermodalidade e desenvolver un Plan para o uso da bicicleta nas cidades.
Elaboraremos un Plan Estratéxico de 
Mobilidade Galicia 2030 para establecer unha intermodalidade ecolóxica e articulada capaz de cohesionar o territorio reformulando as políticas do noso tren, portos e aeroportos. 
Complementariamente, melloraremos a Rede de Estradas de Galicia e a súa seguridade cun importante investimento na súa conservación e solicitaremos ao Ministerio de Fomento o rescate da concesión da autoestrada AP-9."

BNG - Bloque Nacionalista Galego

O partido dirixido por Ana Pontón propón ás seguintes cuestións en materia de transporte e mobilidade:
"Traspaso das competencias en infraestruturas de transporte de interese xeral: Portos de interese xeral, aeroportos e control de tráfico aéreo en Galiza, alén de estradas e camiños de ferro que discorren por territorio galego."

"Solucións transversais ás dificultades de mobilidade de persoas en transporte colectivo. Un serio problema. Contamos con tres aeroportos, tren de alta velocidade, 
portos de grandes cruceiros, autoestradas... chegar a Galiza é fácil, moverse por Galiza é unha experiencia traumática." 

Moi boa e acertada visión, aínda que é difícil construír unha solución que agrade a todo o mundo.

"Coordinar o transporte público comarcal entre as diferentes parroquias cos centros de ensino de FP, especialmente para o 
alumnado de FP Básica e Grao Medio (menor de idade na maioría dos casos)."

Ata o de agora, a pesar de ter en conta o transporte escolar para as concesións, non se ten a oferta da FP, co que isto sería tamén novidoso e útil.

"Elaboración dunha ‘Lei do transporte escolar de Galiza’ para garantir o dereito ao transporte escolar en todos os 
niveis educativos, nomeadamente nas zonas rurais que non contan con transporte público regular. A organización e a regulación dos itinerarios multicentros non poden condicionar o horario e a xornada dos centros. A Consellaría de Educación dotará persoal para custodiar o alumnado nas esperas, desde a chegada do transporte escolar até o inicio das aulas e desde a  finalización até a saída do transporte."

No mesmo sentido, na actualidade é posible que haxa algúns colexios rurais que adapten o seu horario á conveniencia do contrato de transporte; é necesario chegar a un punto medio.

Hai un punto dedicado á ordenación do territorio e o transporte, que sen dúbida é bastante amplo e propositivo, no que se incluén algunhas medidas como a transferencia da AP-9, a creación dun tren de proximidade galego (GALTREN), tan necesario; revisión dos percorridos das liñas interurbanas, tan necesaria; maior potenciación da Eurorrexión tamén no Eido do transporte, a recuperación dos Noitebús que formaban parte do transporte metropolitano antano, varias medidas novidosas para as bicicletas (páxina 157), así como outras que xa se están levando a cabo, como a solución do transporte a demanda ou o fomento da intermodalidade nas cidades.

Por outra banda, tamén se ten en conta o transporte para elaborar un plan de eficiencia enerxética do país, servizos no rural, algunhas verbas bonitas cara a promoción do transporte público e a mobilidade sostible, normativización do acceso dos animais nos transportes (malia que xa está regulado, refírese a admitilos en máis contextos dos actuais).
 

Comentarios