O tráfico en Vigo polo Nadal


Todos os detalles de rutas exactas por liña, paradas anuladas, paradas provisionais e/ou alternativas durante este Nadal no centro da cidade poden ser consultados no mapa

Como xa vén sendo habitual, o Nadal vigués trae consigo, alén de luces, turistas, críticas ou loanzas, cortes de tráfico no centro da cidade e numerosos desvíos de buses de Vitrasa.

A experiencia piloto de 2017, primeiro ano en que se puña en práctica un plan de mobilidade e tráfico destas características, sen dúbida marcou un importante precedente. Ao ano seguinte mellorouse un chisco a formulación do plan, especialmente por parte da concesionaria (podédelo comprobar neste fío de Twitter), co que se foron sentando as bases para que este ano se faga mellor e co coñecemento propio que dá a experiencia (á terceira vai a vencida).
Dicimos isto tendo en conta a comprobación que fixemos dos primeiros días de funcionamento do plan e o ambiente que se respira este ano de estarmos por fin afeitos os cortes de tráfico, pois mentres ceder espazo aos peóns nas contornas urbanas é algo habitual noutros lugares non moi alonxados, aquí inda tiñamos certo receo, ata agora?...

Incrible, pero certo: este ano foi necesario regular de xeito oficial dende o Concello ata a entrada e saída de visitantes que veñan ver as luces viguesas do Nadal en autocares discrecionais e o estacionamento destes, que poderá ser no Berbés, Samil, Navia ou na rúa do Padre Seixas, en Coia; mentres que o punto para deixar e coller turistas no centro só poderá ser na rúa do Areal.

Imos pois repasar todas as afeccións ao tráfico, empezando primeiro polas que teñen carácter fixo, é dicir, que se estabelecen de maneira permanente durante todas as festas.

No ámbito dos buses interurbanos que se achegan ao centro da cidade (Areal), Autos González, que cobre a ruta entre Vigo e Redondela, decidiu "desviar" a súa ruta á chegada ao centro dende Sanjurjo Badía polo túnel de servizos portuarios de maneira que se evitan todas as paradas de baixada na rúa de García Barbón e se fai unica e directamente a principal do Areal. Non é un desvío ao uso, posto que o itinerario habitual destes buses realmente non pasa por ningunha rúa que se corte ao tráfico por mor do Nadal, mais si que é unha estratexia para esquivar puntos quentes da circulación (como pode ser o empalme coa rúa República Arxentina) e así previr posíbeis atrasos nestas datas tan sinaladas. Esta medida está vixente dende o pasado 15 de novembro ata o 10 de xaneiro.
  • PARADAS ANULADAS: García Barbón (todas de baixada dende S. Badía ata R. Arxentina).
  • PARADA ALTERNATIVA: Areal, 52.
  • Alerta de servizo en Moovit.
No ámbito dos vitrasas temos este ano 3 cortes na zona centro. Trátase da rúa Rosalía de Castro, entre R. Arxentina e Inés P. de Zeta, por mor da instalación do boneco de neve; do cruzamento de Areal con Colón, por mor da instalación da famosa nora a carón da alameda; e do carril bus de Colón/Urzáiz.

O primeiro afecta ás liñas C2 e 10, que se desviarán por República Arxentina, anulando a parada de I. P. de Zeta. Estas mesmas liñas, e máis a 8, 9A, 15B, 18A, 28, e as expedicións a Bouzas do 6 e 9B, vénse tamén afectadas polo corte de Areal/Colón, ante o que hai tres tipos de desvíos: o que en sentido Beiramar vai polo túnel de servizos portuarios (9A, 10, 15B, 28, 6-9B); o que en sentido Colón vai pola reestruturada de maneira provisional rúa Pontevedra (C2, 8, 18A); e o que cos grandes cortes (que posteriormente vemos) implica modificar o propio desvío das liñas C2 e 8, isto é, estas liñas sofren un dobre desvío: un para todos os días e outro para a coincidencias cos desvíos xerais para toda a rede, polo que C2 e 8 terán dúas opcións de ruta este Nadal, dependendo do día e da hora...

A rúa de Pontevedra feita de dobre sentido cun carril ascendente exclusivo para os autobuses delimitado ata R. de Castro por conos... 
Este corte no empalme de Areal con Colón provocou que se estabelecese un dobre sentido inédito mais exclusivo para transporte público na rúa Pontevedra, co fin de permitir a saída do Areal cara ao centro para as liñas C2, 8 e 18A. Asemade, colocáronse dúas paradas provisionais (pero inscritas no SAE e Moovit con código novo) en Pontevedra, 2 (para C2, 8 e 18A en sentido centro) e máis en Areal, 18 (para 9A, 10, 15B... e desviadas por aquí en sentido Beiramar). Amais, implica tamén afeccións aos buses interurbanos da XG525 (Monbus) e a liña Vigo-Gondomar de Melytour, que poden ser consultadas nesta alerta de servizo en Moovit.

...e a carón da entrada lateral da EMAO por liñas laranxas provisionais
Outra consecuencia colateral deste corte a carón do novo mercado do Nadal é que a liña 9A, que en fins de semana, ben sexa vindo de 8/24 ou facendo cabeceira no Areal, chega a Policarpo Sanz 40 a través da rúa Reconquista, xa non pode facer a mesma manobra de sempre. Con isto, podería ir dar a volta ata a rotonda do Paseo de Alfonso (como se ten feito en outras ocasións), mais Vitrasa decidiu, primando a puntualidade, anular o inicio de ruta en Policarpo Sanz 40 e facelo directamente en Urzáiz (ver en Moovit).

Por certo, a pesar de ser estas afeccións con paradas provisionais que terán unha duración máxima duns aproximados 3 meses, ao tratarse dunha zona moi céntrica e afectar a un puñado de liñas, a empresa concesionaria decidiu reflectilo nos medios de difusión e consulta do tempo real para os usuarios (Moovit e Siam - Vigo App a través de SAE). Non pasa o mesmo con outras modificacións provisionais de itinerarios a pesar de que cheguen a durar moito máis tempo, até máis dun ano, coma no caso das obras de Emilia Pardo Bazán para as liñas 14 e 18.
  • PARADAS ANULADAS: Inés Pérez de Zeta, Areal (Aduana), Praza de Compostela e A Laxe.
  • PARADAS ALTERNATIVAS: Pontevedra, 2 (C2, 8, 18A) e Areal, 18 (9A, 10, 15B, 28).
  • Alerta de servizo en Moovit.
Por último, e co fin de concentar mellor o tráfico no ámbito de Colón e Urzáiz (principal saída do centro cara ao resto da urbe) está cortado todo o día o carril bus destas rúas entre R. Arxentina e P. Sanz, medida que realmente só poderá ocasionar atrasos das liñas que teñen paso por Urzáiz cara P. Sanz ao necesitaren cambiar o seu paso por Colón pola rúa República Arxentina.
Co mesmo obxecto de aliviar o tráfico, as obras da Gran Vía, entre María de Berdiales e Venezuela, foron paralizadas hai uns días e a avenida recuperou os seus tres carrís habituais, que seguirá tendo ata que pasen as festas, cando se retomará a recta final dos traballos. Por certo, os buses recuperaron tamén de maneira provisional a parada do número 12 cara os Cabalos, e en sentido Urzáiz a parada do Corte Inglés quedou "enterrada" para sempre, pois agora non é posíbel a parada diante do centro comercial, e instalouse unha marquesiña nova un pouco máis abaixo, á altura do número 17.
En cada unha das paradas afectadas polos cortes
de 18h a 02h hai carteis informativos coma
estes de Urzáiz 13, parada na que os buses que
seguen polo eixe do Areal paran e os que soben
por Venezuela non

Imos xa á migalla da cuestión do Nadal vigués para o transporte público: os desvíos que afectan a todas as liñas con paso pola zona centro os fins de semana de 18:00 a 02:00 da noite.

Non é preciso afondar demasiado en cada un deles, pois buscando a túa liña concreta en Moovit podes consultar o desvío que toma cada unha. Aínda así, no mapa tedes perfectamente descritos todos os diferentes desvíos que hai agrupados por eixes de liñas, ademais da información do útil que é cada parada á hora dos cortes de tráfico.

En liñas xerais, vemos que este ano foron modificados numerosas rutas de desvíos oficiais en tanto á primar sempre a puntualidade das liñas, aínda así de moi difícil cumprimento nestas datas. Así, todas as liñas que van dende Choróns cara Venezuela xa collen directamente a rúa Brasil para esquivar totalmente aos puntos quentes; do mesmo xeito collen os seus desvíos as liñas que van dende Praza de España cara Camelias, por Pizarro, Brasil e Venezuela sen achegarse demasiado a Urzáiz, rúa pola que só circulan os buses que teñen obrigatoriamente que ir por aí.

Isto contrasta coas voltas que daban os buses os anteriores anos: a maioría dos vitrasas baixaban ou saían do centro en regulación (dando a volta por R. Arxentina - G. Barbón - Colón) e volvían retomar a súa ruta no Farol ou seguían cara Venezuela, o que non beneficiaba a case ninguén. Agora, os usuarios do transporte público terán que comprobar se a súa liña é unha das poucas que mantén o seu itinerario por Urzaíz ou pola contra terá que camiñar, coller un C1 ou outro bus para chegar a parada máis próxima pola que o seu bus si que pase.

Como detalle dos desvíos destacamos que até onte, a liña N2 estaba sendo desviada cara Travesas por Gran Vía, Couto e Marqués de Alcedo para desembocar na Praza do Rei, coma se a rúa Venezuela existira para todas as liñas menos para a nocturna. Bo, isto en verdade tiña un pouco de verdade, pois os buses orugas tiñan bastante problema para superar o xiro dende o carril que vai por debaixo do parque cara Maristas á altura do novo cruzamento coa rúa Panamá, e máis de noite cunha discoteca diante.
Pois ben, xa estaba pensado por mor da recente rehumanización coa incorporación do carril bici refacer os sentidos de circulación na contorna do parque, e finalmente se fixo hai dous días, co que a liña nocturna e todos os buses que van normalmente por aquí xa pode circular pola rúa Venezuela co seu oruga sen problemas, polo novo carril bus que segue ata Panamá en liña recta dende Gran Vía, sen necesidade de baixar e volver subir por detrás do parque como ata agora.

Ata aquí todo o referido a desvíos de buses, imos agora co NadalBus, iniciativa xa posta en marcha o ano pasado que trata de aproveitar os buses turísticos de Vitrasa para satisfacer á cada vez máis gran demanda que hai por coñecer de preto as famosas luces de Vigo.

Con todo, este ano destacamos que, ao igual có plan de tráfico, se pensou e planeou moito mellor, publicitándoo de manera ampla (como vemos na imaxe da esquerda) e mellorando o servizo en múltiples cuestións.

Séguense a ampliar os usos e vantaxes da tarxeta PASSVIGO para vigueses (non é válida a "tarxeta verde" de transporte) grazas ao estabelecemento de tarifas equivalentes e correspondentes para cada perfil de tarxeta ás dun bus calquera nos NadalBus, a diferenza dos turistas e demais xentes vidas de fóra (deberán pagar por billete 5 euros os días de semana e 7 os venres e sábados, menos os nenos de menos de 4 anos, que poden ir de balde).

Outra novidade deste ano é que se pode reservar unha praza para unha viaxe calquera neste servizo dende Woutick, amosando despois ao inspector que está á entrada do bus o código QR outorgado pola reserva. Como podes adquirir a túa entrada se non a reservas online? Pois ben, para axilizar trámites Vitrasa instala todos os días de 17 a 21 o Pegaso Cometa histórico na rúa Policarpo Sanz 8 a modo de taquilla. O funcionamento a fondo destes novos servizos verémolo nun artigo aparte.
Por último, tamén se estabeleceron distintos itinerarios a distintas horas por distintas zonas da cidade, que podemos consultar no mapa.
Por certo, tamén se anunciou que entraría en funcionamento un trenciño turístico durante o Nadal, e malia que non operado por Vitrasa, non sabemos nada del...

Para rematar lembramos que este ano volveuse retirar a marquesiña de Urzáiz - Príncipe por mor da instalación na praza da bóla, que non volverá probabelmente ata finais de xaneiro, o que sen dúbida podemos calificar como maior fallo do plan de tráfico. Ademais, cos conos que se puxeron de forma permanente para separa a parada dos buses da aceira nesta parada dificúltase a accesibilidade ao transporte público para as PMR.
Lembramos asemade que Vitrasa está a reforzar a capacidade de varias liñas (entre outras estase a probar a asignación provisional durante esta ponte de decembro dun bus oruga na liña 9B, aínda que soe moi estraño), e sobre todo a da C1, que volve contar este ano cun servizo especial nocturno.

En fin, está claro que este é o Nadal vigués que máis loxística precisa... pois tamén provocou supostamente a reforma horaria de varias liñas no marca dun "plan especial de transporte" (noutra entrada).

Comentarios