#EuQuedoNaCasa: Estado de alarma polo Coronavirus

* O texto escrito sen cor corresponde á data de publicación (15 de marzo), mentres que o que ten cores ten outra data, sinalada debidamente sola actualización.




Por mor dos últimos acontecementos relacionados co coronavirus, que xa todos deberamos coñecer, os cidadáns estamos na obriga durante dúas semanas de permanecer nas nosas casas, cunha serie de excepcións básicas, como acudir ao posto de traballo ou mercar en supermercados.
O xoves Feijóo adiantábase a todas estas medidas confirmadas polo presidente do Goberno de España e anunciaba o xoves que os escolares galegos, en todos os niveis educativos, non debían acudir aos seus centros de ensino dende mañá luns e por un período de catorce días. A Universidade de Vigo acatou isto e xa dende o venres non houbo clases no campus das Lagoas-Marcosende, polo que para este día Vitrasa estabeleceu un servizo reducido nas lanzadeiras U (tal e como o que se fai nos meses de xuño e xullo).


Imagen
Polo tanto, todos os servizos públicos para universitarios de Vigo (e por suposto, os escolares reservados) quedan a partir de mañá anulados, como dicimos por un período inicial de catorce días que agardamos non se alongue máis. En concreto, os servizos para o Morrazo da nova XG625, ao igual que todos os do programa TES+BUS (bus escolar compartido), substitúen os seus pasos pola universidade por servizos de días non lectivos.
Imagen
Para seguirmos de preto toda a actualidade do Covid-19 referida ao transporte público creamos este fío de Twitter, rede social na que como saberedes, o equipo de Mr. Vigo sempre está activo, e á cal vos remito para nos vindeiros días chegar a unha conclusión sobre as restriccións que o coronavirus nos está a impoñer no noso día a día.

No transporte público metropolitano e interurbano -que seguirá prestando servizo normal estes días- a Xunta de Galicia desaconsellou o seu uso por parte de poboación de risco, e xa dende o venres os condutores están a prohibir sentarse na primeira fila de asentos. Pois o certo é que un dos debates -ás veces, paranoias- que está a suscitar esta enfermidade no noso ámbito é o dos posíbeis contaxios dos condutores de autobuses polo achegamento de posíbeis usuarios infectados.

Para paliar isto, en cidades como Madrid ou Barcelona optaron por só permitir a subida de viaxeiros pola primeira porta traseira do veículo. Alí é doado de facer, pois os condutores xa teñen de seu un papel secundario á hora de revisar as validacións dos distintos títulos de transporte, pois xa teñen ubicadas máquinas validadoras tanto ao principio do bus como no medio, e na maior parte de buses están protexidos e separados do espazo para viaxeiros por un cristal protector.

Aquí sería máis complicado de facer, pois requiriría relocalizar as máquinas validadoras e non aceptar os pagamentos en efectivo... Pola nosa banda, dende o pasado venres estase a indicar que se manteña unha distancia de seguranza de polo menos un metro co condutor, e dende hoxe teñen orde de non permitir a estadía de viaxeiros en ningún dos asentos dianteiros, limitando así extraoficialmente o aforo dos buses, que xa non vai ser moito estes días. En Compostela si que tomaron a mesma medida da que falabamos antes e a parte dianteira dos seus buses urbanos foi precintada, como vemos na foto do lateral (collida do perfil de Twitter do compañeiro Bus Compostela), mentres que a capacidade foi acotada ás 30 persoas.

ACTUALIZACIÓN 18/03: Neste artigo de Faro de Vigo aparece a condutora titular da 15 que xa está acostumada a saír como exemplo de busera na prensa local, e está moi ben, nada máis que dicir. Non obstante, semella que algo pasou dende as últimas eleccións pró comité de empresa de Vitrasa, pois cónstanos que esta mesma condutora era unha destacada membro do comité. En cambio agora as súas palabras semellan distar bastante do que denunciou onte o dito organismo de representación sindical e que só recolleu Metropolitano.gal aquí
A empresa non fixo ningunha declaración sobre estas críticas, ao noso parecer ben xustificadas e nada loucas, pois apóianse (do mesmo xeito que fixemos nós aquí) en exemplos doutras cidades e reclaman cousas do máis razonábeis para estes días (por favor, lédeo e veredes que non é cousa doutro mundo). En vez diso, publicaron nas redes unha mensaxe de suposto apoio e afouteza cara aos seus traballadores, remitindo (e por iso citábamolo) ao artigo do Faro de Vigo...




ACTUALIZACIÓN 25/03: Finalmente semella que algo de caso se lle fixo ás reivindicacións mencionadas no anterior parágrafo, pois xa dende o día 21 de marzo o acceso aos buses está sendo pola porta do medio e instalaron unha especie de pantalla protectora de plástico anexa entre os dous asentos dianteiros para illar ao persoal de condución do resto do bus. Por outra banda, anunciouse que o pagamento en efectivo quedará suspendido a partir do sábado 28, estabelecéndose de xeito provisional e substitutorio un sistema de tarxetas sen perfil para que poidan subir ao bus aqueles que o precisen e non dispoñan de PassVigo ou "tarxeta verde". Isto é algo inédito mais sabiamos que era posíbel xa dende hai tempo, pois precisamente é o que pasa coas tarxetas de estudante ou universitario cando non foron renovadas, pasan a estar sen perfil, e cobran igualmente, pero pola tarifa ordinaria (1,35 €). O procedemento para dispór destas tarxetas será o de chamar a Vitrasa, concertar cita para a súa recollida no Concello, e por suposto recargala en calquera dos caixeiros de Abanca que o permitan. Non obstante, ao non poder controlar o condutor de xeito tan exhaustivo como de costume a correcta validación dos títulos de transporte, non nos sería estraño que chegase o espabilado de turno e subise ao bus sen pagar...
Seguiremos informando.

Dende a sociedade civil e dende diversas institucións están a xurdir diversas iniciativas para animar a xente a que fique na casa, atenda as recomendacións das autoridades e colabore para que poidamos superar esta crise sanitaria canto antes. Especialmente salientamos a iniciativa ConfinArte con Cultura que o propio Concello de Vigo sacará antes do 27 de marzo nesta ligazón. Dende Mr. Vigo non temos nada que engadir a esta mensaxe de calma e de respecto ás normas que todos debemos cumprir estes días, e como dixen, no noso perfil de Twitter poderedes seguir todo isto máis de preto.

Indo xa ao miolo da cuestión, o Concello de Vigo ordenou hoxe a Vitrasa a redución dos servizos regulares A UN 50% (con algunhas excepcións) por mor do estado de alarma, co que aínda nestes momentos os técnicos da empresa están a reconfigurar os horarios de toda a rede para cumprir esta especie de servizos mínimos mentres duren as restriccións xerais aos movementos de toda a cidadanía española. Como o mesmo ministro de Transportes recoñeceu, os autobuses están xa a circular semivacíos, co que a oferta que hai dos mesmos é moi superior á demanda. De todos os xeitos, sempre que sexa un servizo público hai que garantilo, aínda que os máis de nós non pensemos en coller un só bus estes días.

Ao tempo que Vitrasa vai subindo os horarios do estado da alarma á súa web, o grupo de traballo de Moovit en Vigo está a encargarse de que todas as liñas contemplen mediante alertas de servizo as modificacións nos servizos de transporte urbano vigués. Durante o día do luns o equipo estivo a traballar arreo en coordinación con Moovit e Vitrasa para que ao día seguinte (martes) puideran plasmarse todos os cambios de horarios na app e no cálculo de rutas, co que os horarios novos están xa publicados e configurados na app Moovit.
Para a maior comodidade de todo o que queira consultar os horarios reducidos destes días dou libre acceso a esta carpeta de Google Drive onde consultar todos

CARPETA DE GOOGLE DRIVE ONDE CONSULTAR OS HORARIOS MODIFICADOS DURANTE O ESTADO DE ALARMA

E imos pois pasar a comentar as principais modificacións nos servizos de Vitrasa estes días (en construción, necesarias actualizacións).
  • C1: Frecuencia fixa de 15 minutos entre as 7:15 (primeira saída) e as 21:30. Últimas saídas ás 22:00 e 22:30. Precisará 2 buses en vez dos 4 habituais.
  • *C2/16: Saídas cada 68 minutos (xeral) "dinámica". Combinan entre si ao chegaren á estación de Guixar. Realizarase con dous buses.
  • C3: Servizo idéntico ao de fins de semana (frecuencias de 30 minutos no canto de 15).
  • 4A/4C: Frecuencia de 68 minutos por separado, de 34 minutos combinadas (xeral) "dinámica", xa implantada así na última reforma de liñas, para fins de semana. Substitúen á 12A con saídas dende Muíños da "C" e chegadas da "A".
  • 5A/B: Redución de algunhas expedicións respecto do horario habitual en domingos e festivos.
  • *6/27: Servizo casi idéntico ao de fins de semana (frecuencia de 120 minutos por separado, e 60 combinadas en Beade), coa excepción do mantemento da expedición a Bouzas e a saída combinada das 6:30. A 27 inicia e remata as rutas cara a Beade na Praza do Rei, non atende a Candeán.
  • 7: Servizo casi idéntico ao de sábados, con mantemento dunhas cantas expedicións tempranas e reparto máis equitativo de frecuencias para Sobreira e Zamáns.
  • 10: Mesmo servizo que en sábados, con frecuencia de 68 minutos (xeral) "dinámica", xa implantada así na última reforma, para fins de semana. Realizarase con dous buses independentes.
  • 9A: Servizo reducido e simplificado, con frecuencia de 68 minutos (xeral) "dinámica". Realizarase cun só bus independente todo o día. Inicialmente barallouse iniciar os servizos en P. Sanz 40 (curiosamente suporía o reestabelecemento das cabeceiras nesta parada, eliminadas após o Nadal), mais finalmente iniciará o itinerario en Reconquista e finalizarao en Colón 27, ao xeito da súa irmá a B.
  • 11: Servizo aínda máis simplificado ca en festivos, con frecuencia de 68 minutos (xeral) "dinámica". Realizarase con dous buses independentes.
  • 12B: Servizo igual ao de sábados (menos a primeira expedición cara ao Cunqueiro).
  • 14: Servizo parecido ao de sábados, con frecuencia de dúas horas.
  • 17: Servizo normal de sábados.
  • 23: Servizo máis simplificado que en sábados, pero non tanto como en domingos. Un único bus.
  • 25: Igual que en sábados, mantendo a saída das 6:54 de Figueiras.
  • 29: Inicio e fin de ruta en Praza de América 3 (no canto de P. España), saídas de aquí ás e 25 de cada hora, e de Fragoselo ás e 55 de cada hora. Un bus independente.
  • 31: Como en sábados, frecuencia de 75 minutos xeral.
  • H1: Servizo case normal (o tempo de chegada ao Cunqueiro é uniforme de 24 minutos, e as saídas de volta serán ás e media todo o día, menos ás 22:25). Realizarase tan só cun bus, rompendo os turnos combinados no novo hospital.
  • *H2: Servizo case calcado ao de sábados, mais sae do Cunqueiro ás e 45 de cada hora e de G. Espino de volta ás e 07. Realizarase tan só cun bus, rompendo os turnos combinados no novo hospital. Hai unha excepción, que é unha viaxe "extra" ás 15:15 dende o Cunqueiro, para atender aos traballadores.
  • Os servizos á factoría de Balaídos seguirán funcionando só ata mañá martes, pois o mércores a factoría paralizará a súa produción. O servizo para traballadores que se vai manter é o do PTL (ida ás 6:36 e volta ás 15:10).
  • *8, 15A/B/C, 18A, H: Non sofren ningunha modificación, circulan do mesmo xeito que en días laborábeis normais.
  • 9B/24: Quedou sen comentar porque os horarios da 9B foron publicados cunha primeira versión totalmente incongruente, pois o último servizo era as 17 da tarde e tardaba 5 horas en chegar ao centro, ás 23:12 (case como en Nadal). Como curiosidade, podedes consultar este erro de Vitrasa nesta ligazón. Finalmente estas liñas, que combinarán entre si no centro usando tan só dous buses, funcionarán con frecuencia de 68 minutos (xeral) "dinámica". Os horarios da 9B son iguais que en laborábeis, mentres que a 24 os simplifica para adaptarse a esta circunstancia.
  • 18B: Case non modifica nada respecto ao servizo habitual en laborábeis.
  • 28: Varían uns cantos horarios.
  • 12A, 13, 18H, 20, SR/32, H3: Non prestan servizo. O servizo específico da 12A á zona de San Paio de Navia e Muíños queda cuberto coa liña 4, como dixemos antes. O resto non funciona porque só funciona de xeito normal en días laborábeis, co que con estes servizos mínimos quedan suprimidos.
  • * Para festivos (19 de marzo e domingos mentres dure esta situación) por unha banda; e sábados por outra, hai horarios aíunda máis reducidos: prégase consultalos na web de Vitrasa ou a través da app Moovit.
*ACTUALIZACIÓN 25/03: A partir do 26 de marzo, e despois de valorar as condicións actuais dos servizos modifícanse os horarios de laborables de varias liñas.
  • C2: Non presta servizo.
  • 4A/C-12A: A liña 4 non substituirá finalmente ao servizo da 12A por Muíños, deixando as súas cabeceiras na rúa Porriño, mentres que a 12A funcionará con cabeceira en Muíños e frecuencia de dúas horas (un só bus).
  • 6/27: Desconéctanse de xeito que a 6 volve a funcionar igual ca en laborables (mais só usará un bus independente conservando os horarios), mentres que a 27 prestará un reducido servizo "lanzadeira" entre Praza de América e Beade a horas concretas.
  • 8: Servizo reducido con saídas cada dúas horas dende Praza de América.
  • 16: Modifica horarios (frecuencia de 68 minutos).
  • H2: Recupera a frecuencia de media hora pola mañá, pero o sistema de turnos será igual ao destes días.
ACTUALIZACIÓN 17/03

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dictou onte luns a orde final de que todos os servizos de transporte metropolitano e interurbano reducirán nun 50% a súa oferta horaria, ao que como titula o Faro de Vigo hai que sumar a obrigatoria limitación por seguranza sanitaria da capacidade dos autocares, pois só se poderán ocupar a metade dos asentos, puidendo sentarse en cada fila dúas persoas en vez de 4 (unha a cada lado).

Asemade, é importante salientar que os servizos a demanda mantéñense a funcionar baixo reserva previa, como é habitual, con horarios de días non lectivos, pois ao non haber clases estes días, os buses específicos para universitarios e escolares non funcionarán, substituíndoo os seus horarios por non lectivos en todo caso.

Este novo servizo temporal entra en vigor hoxe martes, e cada empresa operadora ten a obriga de publicitar e dar difusión aos seus horarios adaptados para estes días, co que pasamos a dar a relación de operadores e o que sabemos dos seus servizos (na nosa área, claro).
  • Monbus (XG621, XG622, XG625; XG516, XG517): Publicaron neste apartado da súa web unha serie de servizos modificados, e dos que a nós nos afecta, só se aclara que se suspende da XG623 a viaxe entre Vigo e Ourense das 19:00 (ida) e das 20:45 (volta). Asemade, pódense consultar os horarios válidos para a XG517 neste documento compartido de Drive.
  • Empresa Ojea (Vigo-As Neves-A Cañiza, con anexos): Dispoñen do número 986 640 846 para consultar horarios e dúbidas.
  • Melytour (Vigo-Gondomar-Tomiño, con anexos): Á empresa pirata por excelencia pódese contactar cos teléfonos habituais.
  • ATSA (Vigo-Baiona-A Guarda, con anexos): Sendo das empresas máis responsábeis á hora de actualizar a súa información na web, anunciaron que máis que 50% reducen practicamente case todos os servizos, conservándose só tres frecuencias en todo o día para cada liña (Vigo-Baiona 3; Vigo-Gondomar 3; e Vigo-A Guarda 3) para días laborábeis e suprimindo o 100% dos horarios para as fins de semana mentres dure a emerxencia sanitaria. 
  • Navieras Nabia e Mar de Ons (Vigo-Moaña e Vigo-Cangas): Implantaron horarios reducidos, prégase consultalos na alerta de servizo de cada liña en Moovit ou na web das empresas.
  • Autos González (XG624): Ás 16 da tarde do martes publicou na súa web os horarios que terán vixencia durante estes días, que pasamos a reproducir e resumir. Serán de aplicación a partir do mércores 18 de marzo e mentres dure esta situación. Redúcense varias frecuencias, pero a redución de servizo non é moi drástica. En domingos e festivos non haberá servizos.
*Nota: As viaxes das 6:55 e 11:15 dende Redondela están erradas, non se realizan.

Os circulares ás parroquias de Redondela manteñen os seus servizos

Comentarios

  1. Moovit annuncio que el gobierno ha repartido mascarillas para suministrar a todos a quellos usuarios que necesiten hacer uso del transporte publico para trasladarse a sus puestos de trabajo.

    Gracias por toda esta información, Mr. Vigo y espero que de tu lado todo esté bien y que salgamos pronto de esta situación.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Hola, efectivamente ya se está garantizando que todo aquel que necesite viajar estos días en transporte público lo haga de una manera segura, como no puede ser de otra manera.

      Todo bien, sí, estamos aprovechando estos días para avanzar en nuevo contenido que publicar próximamente.

      Un saludo y recuerda que "nunca choveu que non escampara".

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por enviares o teu comentario, se tes gañas de decirme máis cousas podes mandar un email á dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme nas redes, etc.

Gracias por enviar tu comentario, si tienes ganas de decirme más cosas puedes mandar un email a la dirección mistervigo02@gmail.com, interpelarme en las redes, etc.